Curioso Impertinente


Orquestra de Jazz de Galicia

Posted in Música,Pensamentos by miriño on the Xullo 7th, 2015

Unha das pintadas que se me quedaron gravadas na cabeza é a que aparece nun espazo rehabilitado onde había un pequeno descampado e cheo de lixo. Agora é todo cemento e asfalto, e no medio e medio: e as árbores?
____________

O sábado 4 de xullo foi un día histórico en Vigo. No último día do ImaxinaSons do 2015 presentouse no auditorio do Concello a Orquestra de Jazz de Galicia.

OrquestraJazzdeGalicia

Un enorme pracer escoitar cada un dos temas, cunha perfecta mestura entre o jazz (hai moito e moi bo jazz en Galiza) e as músicas tradicionais (moito e moi bo). É a perfecta conxunción entre toda a traxectoria do saxofonista de jazz Roberto Somoza e o gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas, membro de grupos como Luvas Verdes, Vaamonde Lamas & Romero, ou Nova Galega de Danza. Unha moi boa receta de fusión para crear jazz con raíces galegas.

Non hai nada que dicir da cantidade e calidade de músicos e músicas tradicionais e/ou folk. No eido do jazz tamén hai moitos e moi bos. Na Orquestra de Jazz de Galicia ben se ve que se reúnen músicos de primeiro nivel dos que hai tamén recambio. Só hai que comparar a lista de músicos que estiveron no concerto e os que saen no Making of da gravación do disco que xa estamos agardando impacientemente:

Galicia é terra de músic@s, de todos os estilos, de todas as sensibilidades. En gran formato tamén.

Non é a primeira vez se pensa nun gran formato dende o jazz. Tampouco mesturando o jazz coas músicas tradicionais.

Alberto Conde, pianista que tamén estivo presente neste concerto, xa facía esta mestura en A lagoa dos Atlantes (1997) ou en Celtrópolis (1999).

Baldo Martínez, que tamén foi director artístico do ImaxinaSons, contrabaixista jazz inquedo onde os haxa e músico arrichado, arrimouse ás músicas tradicionais en varias ocasións, e no ano 1999 tivo o encargo do Festival Internacional de Jazz de Guimaraes para crear un ensemble arredor das músicas contemporáneas e tradicionais en clave de jazz que se materializou no Projecto Miño, que no 2007 comercializouse en cd.

A Orquesta de Música Espontánea de Galicia, O.M.E.GA, que tamén estivo no ImaxinaSons, é unha proposta moi arriscada de improvisación libre con ou sen condución. Nela hai (ou había) integrantes de músicas provenientes do jazz, clásica, electrónica, rock, electroacústica, psicodelia, folk…

Algunha iniciativa máis haberá por aí que agora se esqueza que dá a idea do inquedo do mundo musical deste país. Un pequeno repaso por todos estas iniciativas tamén mostra a interrelación de moitos dos músicos que tamén están na Orquestra de Jazz de Galicia.

Durante o concerto houbo imaxes sonoras que facían lembrar outros momentos, sen estar a vivir ningunha repetición anterior. A referencia máis directa é a do Toque de chifro de Faramontaos, o tema recollido por Alan Lomax o 27 de novembro de 1952 que foi usado por Miles Davis no disco Sketches of Spain no ano 1960. (Os dous temas se poden escoitar no programa io~NOS #01, minuto 5:00). Era difícil saírse do esquema proposto por Gil Evans e Miles Davis, pero conseguírono de forma maxistral.

Tamén houbo momentos máis rítmicos e caóticos (o entroido é caótico) que fixeron lembrar a L.U.M.E., o ensemble portugués que tamén subiu ao mesmo escenario no ImaxinaSons 7. Toda unha homenaxe ao entroido de Vilariño de Conso e o son dos seus bombos.

Na coincidencia dalgún repertorio de Nova Galega de Danza vese a influencia de Pedro Lamas e o acordeón de Xosé Lois Romero (percusionista nesta ocasión) sen que a Xota do Marreco soase nin parecida a outras veces e outros lugares.

Toda unha amalgama de sons, de capas, de ambientes, de todas estas músicas do entorno do jazz, músicas sinfónicas e tradicionais, en verbas do propio Pedro Lamas, moi ben conducidas por Roberto Somoza.

Unha lista de músicos de primeiro nivel que tamén tiveron os seus momentos de improvisación, todos e cada un deles, que se mantiveron dentro do contexto da mensaxe que nos transmitiron. Unha conexión que lograron contaxiar a un público completamente entregado e en pé ao final do concerto, cun aplauso enfervorizado que non tiña fin.

Eu sigo en pé a aplaudindo. Espero que teñan un gran percorrido e longa vida.

Quedan para outro momento a mágoa do espazo tan pequeno, a financiación da orquestra, a aposta limitada do concello no gran festival de jazz de Vigo, o prezo ridículo da entrada para tan inmenso espectáculo, o interese da xente ou a pouca publicidade destes eventos…

E só un último apontamento e unha crítica que debería doerlle no corazonciño de cada un dos músicos da Orquestra:

E as mulleres?

Despois do #22m (2. Galiza)

Posted in #15m,#22m,#democraciarealxa,Pensamentos by miriño on the Maio 31st, 2011

Tanto na anterior anotación como nesta hai que ter en conta o carácter municipal destas eleccións, aínda que a comparación coas eleccións de 2007 se pode facer directamente.

O panorama en Galiza é máis desalentador que no resto do país, onde os políticos adícanse sen vergoña de ningunha clase a repartir directamente cartos nos mítins de campaña. E aínda se mostran orgullosos de “axudar” á xente.

O PP parece non ter máis teito electoral que o propio censo e campan ás súas anchas.

As contas son claras, o PP sube (54.176 votos máis, que representa un incremento do 8% con respecto ás eleccións de 2007), o PSOE baixa (66.566 votos menos, case un 14% menos que en 2007) e o BNG baixa (53.766 votos menos, un 17% menos).

A debacle aquí está clara, o BNG vai en caída libre. En contra dos que din que foi o PSOE o grande derrotado en Galiza, vese moi ben que aínda que perdeu menos votos o BNG representa unha maior caída porcentual.

Como ben explica calidonia, o #15m non tivo influencia nas eleccións. A inercia electoral da xente xa ía cara ao PP. Isto non é sorprendente, aínda que canse tanta realidade.

Facendo unha identidade PPSOE onde non se pode distinguir entre a política do PSOE coa que faría o PP, está claro que a balanza inclínase cara ao PP. No caso do BNG, ao identificarse en moitos dos gobernos co propio PSOE, sae definitivamente mal parado (coas súas poucas excepcións). A idea dunha fronte de partidos que ofrece alternativas e aparece como combativo, idea coa que o BNG subiu en apoios electorais, hai tempo que desapareceu. O BNG basou a súa campaña no voto útil facendo un chamamento para “votar masivamente ao BNG para frear á dereita”, campaña claramente nefasta e que pouco o diferencia doutras peticións de “voto útil” doutros partidos políticos. A cegueira para ver a súa propia debacle fixándose só na do PSOE seguirá facendo que vaia lentamente desaparecendo da vida política.

Un caso moi representativo é o de Vigo, onde o bipartito fixo que nestas eleccións o PSOE fagocitara ao BNG electoralmente (ao revés do que ocorreu en Pontevedra). A análise que parece que se está a dar é que o BNG perdeu votantes pola esquerda indo a parar a EU (un exemplo desta argumentación pódese atopar en VigoBlog.

Vexamos os números das eleccións en Vigo:
PP: 4.943 votos menos.
BNG: 11.656 votos menos.
PSOE: 5.647 votos máis.
EU: 4.193 votos máis.
OV-GV: 2.441 votos (en 2007 non se presentaron)
UPyD: 1.746 votos (en 2007 non existían)

Con estes números da a sensación de que o BNG perdeu en todo o espectro, non só pola esquerda cara á EU senón que parece que houbo trasvase tamén cara o PSOE. Outra cousa sería autoenganarse. O BNG ten que pararse a reflexionar, ten que pararse a pensar, e darse conta que o mundo non está onde eles dirixen a mirada.

Sobre o #15m

Aínda que hai quen explica moi ben de onde xurde todo o movemento do #15m (en error500 fan unha análise moi bó para entender todo isto), quédome con esta tira gráfica de El estafador, onde queda moi claro o que eu mesmo penso:

A trampa é caer no que “eles” queren. A trampa é ser coma “eles”. Queren que se propoñan alternativas, queren que se creen partidos políticos novos, queren que todos sexan iguais para falar ao mesmo nivel. NON, non pode ser, non é iso o que se quere.

O máis importante do movemento #15m é todo o movemento de pensamento, de reflexión, de crítica… de lectura, de diálogo, de política, de POLÍTICA con letras maiúsculas, da política que nos inflúe directamente a todos e a cada un de nós.

E darse conta que detrás dos “mercados” hai persoas que se están aproveitando sen nengún tipo de escrúpulo.

Deixo aquí un par de vídeos. O primeiro explica como se convirte a débeda privada en débeda pública. O segundo é o vídeo promocional do cómic Españistan:


Comentarios desactivados en Sobre o #15m

DébedoCracia

Posted in Pensamentos,Vídeos by miriño on the Maio 30th, 2011

Un documental sobre a intervención do FMI, o BCE e a UE sobre Grecia e todas as súas implicacións e o exemplo de Ecuador para a solución da débeda ilexítima.

Moi interesante.

(Podedes escoller os subtítulos no idioma que queirades)


Debtocracy International Version por BitsnBytes

Comentarios desactivados en DébedoCracia

#15m

Sorpréndome a min mesmo ao comprobar que foi o 23 de febreiro cando neste mesmo blog se falaba do movemento #nonosvotes.

Dende ese día foron aparecendo outros movementos, outras iniciativas que, aproveitando as redes sociais, foron creando debate arredor do descontento xeralizado sobre a maneira de entender a democracia dos políticos que nos tocou sufrir. Estas iniciativas como www.juventudsinfuturo.net, opvdevotaciones.blogspot.com, democraciarealya.es foron organizándose para convocar unha manifestación o domingo 15 de maio (#15m). A partir desta manifestación, a xente quedouse na rúa e comezaron a acampar por todos lados. Todas estas acampadas, tamén as internacionais, poden verse en tomalaplaza.net.

Obviando todos os movementos dos que os colleu totalmente desprevenidos e que tanto os insultan como tratan de manipulalo, o máis importante de todo isto é o debate político xerado que se espalla tamén entre os que nunca quixeron falar de política. Serve para reflexionar sobre o sistema no que estamos, para tentar mudalo, para criticalo, para procurar novas vías, para darse conta de que na democracia o poder reside no pobo.

Unha das críticas máis escoitada deste movemento era que só protestaban polo que non lles gustaba e que non facían ningunha proposta. Esta crítica desfaise por completo en canto se publican as propostas claras e concretas que comparto e subscribo. É moi posible que xa houbera partidos políticos que dicían cousas moi parecidas, pero iso non importa agora. É o momento de pensar, de reflexionar, e que despois cadaquén vote a quen mellor considere. Haberá outras cousas que reivindicar, outras ideas, outros pensamentos máis particulares que haberá que consensuar.

No momento no que se prohibe pola xunta electoral a concentración para o día da reflexión, quédome coa frase de #istoéreflexión. Si, se algo é reflexión, é todo este movemento.

Deixo o que se di en twitter on line sobre todo isto, e o vídeo en directo da Porta do Sol en Madrid.



Comentarios desactivados en #15m

Quen son eu?

Posted in Pensamentos by miriño on the Marzo 3rd, 2011

Durante a miña vida recibín apelativos para definir o meu pensamento ou a miña ideoloxía, sen que a suma de todos eles sexa realmente o que eu penso.

Nacionalista, o único dos termos que eu algunha vez reivindiquei para min, así que ten algún sentido que mo chamaran, aínda que penso que poucas veces coincidiu coa miña idea de nacionalismo. As máis das veces foi coa intención de insulto, polo que pouco debe parecerse ao que eu mesmo penso.

Galleguista, así, “galleguista porque hablas gallego”. Pois podería ser, si, pero non todos os que falan galego son galeguistas, ou igual o son e non o saben.

Con eses pelos e esa barba xa pareces un comunista. (A Pasionaria entón non era comunista?)

En discusións sobre política e nacionalismo tamén me caeu o apelativo de terrorista. Debe ser que falando en galego con barba e eses pelos debo causar terror alí por onde paso. Tamén en discusións parecidas saiu o termo Nazi, de NaZionalista, un chiste fácil que pretende ser insulto. Tamén xurde socialista en clave de ofensa.

Teatreiro, titiriteiro, artista, paiaso, apelativos todos que dependen do agarimo co que se digan polo que caen mellor ou peor no meu ánimo.

No tema da lingua tamén me chamaron bárbaro por falar linguas bárbaras, aínda que para ser xustos aquí si que ía con clara intención bromista. Así foi recollido. 🙂 Tamén me dixeron que tiña que falar en “cristiano”, debe ser que non hai ningún galego cristiano.

E falando de relixión: ateo, agnóstico, herexe, pretendendo ofenderme, coa mesma facilidade que cristiano ou moro.

Non só tratan de definirme con palabras tamén me aconsellan que debo ler ou non. “Como les El Mundo? Ti terías que ler El País?” ou coa mesma facilidade, “Como les El País?” “Que é iso da Nosa Terra?, iso é moi radical.” “O Faro de Vigo non é un periódico”. “A voz de Galicia non é un periódico serio, é moi subxectivo”. “Público, non son obxectivos”. “Le monde diplomatique????” “Que fas lendo o ABC? espero que só leas a parte cultural”. E así con calquera periódico, como se eu non soubera que é o que me gusta ou que todos teñen unha liña editorial. Ocorre outro tanto cos libros. Hai libros que se poden ler e outros que non. Non vaia ser que “me confundan”.

O ímpetu tómase na maior parte das veces como radicalismo. Así que si, tamén son un radical.

Liberal tamén caeu no meu saco. Pero sen saber moi ben a que se refiren. Por un lado como resposta a unha broma que lle gastei a un amigo facéndolle crer que eu era homosexual, a súa resposta foi que non lle sorprendía pois sempre “fuches moi liberal”. Outras veces polas miñas opinións: O que ocorre é que ti es un liberal.

Hai conclusións sobre a miña ideoloxía… Ti non es (poñan aquí o que sexa), ti es un idealista… ou un utópico… ou un romántico. (Teño que dicir que si, que romántico pode ser unha definición coa que estea dacordo, non sei se no sentido atribuído en cada momento).

E podo ser un radical no meu pensamento ou un completo insulso que non se molla en nada. Todo isto sempre dende a posición inamovible do observador.

Case calquera das definicións sobre a miña ideoloxía poderían ser tratadas para os colectivos que a reivindican para si como un insulto, posto que o meu pensamento se atopa moi lonxe do que eles defenden.

Como xa dixen o termo nacionalista é o único que recoñezo porque eu mesmo o reivindiquei para min, mais resulta que agora mesmo cuestione os argumentos que sempre usei. De tal maneira que podedes chamarme incoherente por non pensar o que pensaba, mais eu penso que son coherente co meu camiño vital, de maneira que só non cambia quen non vive.

Pódese ser un conservador, un progresista, un tradicionalista, un rompedor. Pódese ser neofalante ou paleofalante, nacer na cidade ou na aldea, ser de letras ou de ciencias, traballador por conta allea ou autónomo, home ou muller, coherente ou incoherente, homo ou hetero, branco ou negro, de dereitas ou de esquerdas, guapo ou feo, do norte ou do sur, de nocilla ou de nutella, de negro ou de rubio, de cola-cao ou de nesquik, de Astérix ou de Tintín, do Barça ou do Madrid, de coca ou de pepsi, de windows ou de MacOS (ou de Linus)… unha chea de encadramentos onde situar aos demais e a nós mesmos.

Sospeito que esta sorte de cuadrícula serve para ter a ilusión de que se entende a realidade e que se é capaz de definila, aínda que non se comprenda.

Suponse que cada un estará realmente na intersección das definicións que fan todos os demais. Mais resulta difícil compaxinar moitas interseccións.

Rebelarse ou protestar contra algunha das definicións que os demais volcan sobre un é un erro ademáis de resultar completamente inútil. A miña sospeita, a modo de conclusión, é que o que os demais escoitan de ti non é o que ti digas en cada momento, se non que todo pasa polo filtro do encadramento a priori no que cada persoa te situou, polo que nunca se terá a certeza de que as túas verbas son escoitadas en realidade.

Tal vez todo isto funcione en min exactamente da mesma forma que acabo de describir, é o máis probable. Terei que estar atento para escoitar (realmente) o que me din.

E a pesares de todo isto, eu non sei se son mirinho ou curioso impertinente: http://mirinho.sonche.eu