Curioso Impertinente


#15m

Sorpréndome a min mesmo ao comprobar que foi o 23 de febreiro cando neste mesmo blog se falaba do movemento #nonosvotes.

Dende ese día foron aparecendo outros movementos, outras iniciativas que, aproveitando as redes sociais, foron creando debate arredor do descontento xeralizado sobre a maneira de entender a democracia dos políticos que nos tocou sufrir. Estas iniciativas como www.juventudsinfuturo.net, opvdevotaciones.blogspot.com, democraciarealya.es foron organizándose para convocar unha manifestación o domingo 15 de maio (#15m). A partir desta manifestación, a xente quedouse na rúa e comezaron a acampar por todos lados. Todas estas acampadas, tamén as internacionais, poden verse en tomalaplaza.net.

Obviando todos os movementos dos que os colleu totalmente desprevenidos e que tanto os insultan como tratan de manipulalo, o máis importante de todo isto é o debate político xerado que se espalla tamén entre os que nunca quixeron falar de política. Serve para reflexionar sobre o sistema no que estamos, para tentar mudalo, para criticalo, para procurar novas vías, para darse conta de que na democracia o poder reside no pobo.

Unha das críticas máis escoitada deste movemento era que só protestaban polo que non lles gustaba e que non facían ningunha proposta. Esta crítica desfaise por completo en canto se publican as propostas claras e concretas que comparto e subscribo. É moi posible que xa houbera partidos políticos que dicían cousas moi parecidas, pero iso non importa agora. É o momento de pensar, de reflexionar, e que despois cadaquén vote a quen mellor considere. Haberá outras cousas que reivindicar, outras ideas, outros pensamentos máis particulares que haberá que consensuar.

No momento no que se prohibe pola xunta electoral a concentración para o día da reflexión, quédome coa frase de #istoéreflexión. Si, se algo é reflexión, é todo este movemento.

Deixo o que se di en twitter on line sobre todo isto, e o vídeo en directo da Porta do Sol en Madrid.



Comentarios desactivados en #15m

Non os votes

Posted in #nonosvotes,Manifestos,Pensamentos by miriño on the Febreiro 23rd, 2011

(Imaxe recollida en http://cafetasblog.wordpress.com/)

A aprobación da Lei Sinde por parte de PSOE, PP e CIU provocou o movemento #nonosvotes en twitter. Aínda na convicción de que a Lei Sinde non vai servir de nada, e que pode traer máis problemas dos que xa existen, non é de extrañar que servise de última gota do vaso polo absurdo de lexislar sobre o que non se coñece en absoluto.

Este movemento de #nonosvotes é o resultado da fartura da clase política que nos toca sufrir nestes momentos. Só hai que ver o mapa do corruptómetro:


Ver Mapa de Corrupción por Partidos Políticos nun mapa máis grande

Este mapa está elaborado cos casos de corrupción que se están recollendo no corruptómetro, onde se pode consultar cada un dos casos recopilados. É un mapa tremendamente indicativo da aplastante realidade da clase política por completo nefasta.

O corruptómetro é unha máis das accións que se están a facer na wiki de nolesvotes.org, que parte da iniciativa nolesvotes.com iniciada en twitter.

Esta iniciativa tráeme algunhas preguntas sobre o funcionamento da democracia e dos mecanismos dos cidadáns para tentar incidir sobre a súa realidade política. Tamén sobre a influencia que pode ter nunhas eleccións municipais onde todo pode ser terxiversado. Cuestiono a idea de pedir que “non se vote” a determinados partidos cando o que di a lóxica sería plantear unha iniciativa política que se presentase ás eleccións.

Aínda con estas e outras preguntas a iniciativa gústame por ser simple, por concretar un principio (Lei Sinde) claro e porque neste sistema case bipartidista o que lles pode facer dano é precisamente que se faga trasvase de votos en contra dos principais partidos.

Paréceme incrible o desprecio dos partidos implicados nesta iniciativa por ser “cousa duns poucos internautas”. Como se os internautas non foran cidadáns!

____________________________________________________

Deixo aquí, e subscribo, o manifesto NON OS VOTES

O próximo 22 de maio, os cidadáns españois están convocados ás urnas para votar aos seus representantes públicos en todos os concellos e nalgúns parlamentos autonómicos. Os representantes elixidos terán ao seu cargo a xestión de miles de millóns de euros durante un período de catro anos, razón máis que suficiente para extremar as precaucións dos votantes: ao longo dos últimos anos,o nivel de corrupción na política española disparouse de maneira alarmante en todo o arco parlamentario.

PSOE, PP e CiU son as tres formacións políticas que pactaron para resucitar a Lei Sinde no Senado, unha lei que permite censurar Internet por vía administrativa, sen unha intervención xudicial que garanta a tutela efectiva dos cidadáns. Ao xuíz que deba validar o peche estaralle vedado analizar o fondo do asunto, isto é, a vulneración de dereitos de propiedade intelectual ou a posibilidade de producir un prexuízo patrimonial por parte da páxina web cuxa clausura se solicite. A Lei Sinde crea un “burato libre de xuíces” onde a decisión é tomada por unha comisión administrativa nomeada polo goberno, para evitar o que ata o momento viña ocorrendo: que os xuíces non daban a razón ás reclamacións da industria dos contidos.

A Lei Sinde é ineficaz. Non aborda unha reforma integral da lexislación de propiedade intelectual, único camiño para favorecer a xusta retribución dos creadores e artistas no marco dunha sociedade de cultura dixital. Aínda así, e a pesar da oposición dunha parte importante da sociedade incluíndo creadores e artistasPSOE, PP e CiU votaron a favor dela. Pesaron máis as presións de gobernos estranxeiros e de grupos minoritarios que o interese social. Pero non todo é culpa dos nosos representantes: nós elixímolos, por acción ou omisión.

Desde Nolesvotes.com consideramos que PSOE, PP e CiU faltaron á súa principal obrigación coa cidadanía: defender a Constitución que xuraron ou prometeron acatar. A Lei Sinde somete Internet a unha lexislación excepcional, con grave diminución dos dereitos á liberdade de expresión e información e á tutela xudicial efectiva, posibilitando un maior control político da rede.

A túa decisión é importante. Non che pedimos o voto para ningún partido concreto, nin que votes en branco, nin que te absteñas, senón que te informes para comprobar que existen alternativas contrarias á Lei Sinde en todo o espectro ideolóxico. Pedímosche que defendas a liberdade na rede co teu voto, non apoiando a aqueles que cos seus actos fixéronse claramente merecedores dun voto de castigo.

O próximo 22 de maio, NON OS VOTES.

———

Contido orixinal: http://www.nolesvotes.com
Hashtag en twitter: #nolesvotes

(Texto en galego collido de http://mskina.blogspot.com/2011/02/nos-os-votes-botaos.html)