Curioso Impertinente


Na procura do oído absoluto (1)

Posted in Na procura do oído absoluto by miriño on the Marzo 5th, 2011

Baixo a etiqueta en twitter #oído_absoluto irei pondo o que teña que ver con esta procura do oído absoluto.

Aquí irán aparecendo os twitts que conteñan “oído absoluto”, “ouvido absoluto” ou a etiqueta #oído_absoluto.


Veremos que camiños transitaremos nesta procura.

Comentarios desactivados en Na procura do oído absoluto (1)

Silencio

Posted in Na procura do oído absoluto by miriño on the Febreiro 5th, 2010

John Cage quixo escoitar o silencio e meteuse na cámara anecoica da universidade de Harvard. Cóntase que saíu dicindo que escoitaba dous sons, un grave e outro agudo. O enxeñeiro explicoulle que os sons que escoitaba debíanse á circulación do sangue e ao sistema nervioso.

Sempre me chamou a atención este experimento e sempre quixen estar nunha cámara destas para poder escoitar o silencio imposible. Tamén sempre me chamou a atención que non se fale da propia respiración. Penso eu que tamén se debe escoitar con moita claridade. E todo isto se está en completo repouso.

Cage demostrou que o silencio non existe.

O motivo polo que me lembrei do experimento de Cage foi a lectura de “La física de los Superhéroes” onde no capítulo 12. El caso del trabajo perdido. Las tres leyes de la termodinámica pode lerse ao final do capítulo:

… Las colisiones al azar del aire en nuestros tímpanos producen desviaciones que están justo en el límite de nuestra capacidad auditiva. Siéntese en una habitación insonorizada durante treinta minutos y su audición mejorará (al igual que la sensibilidad de sus ojos a la luz difusa aumenta cuando se aclimata a una habitación oscura) hasta ser capaz de detectar las desviaciones en sus tímpanos causadas por el movimiento de los átomos. En una habitación muy silenciosa es posible oír el ruido de fondo emanado de la entropía del aire, o sea escuchar en principio la temperatura de la habitación…

Non sei se o movemento dos átomos do ar entra dentro da banda de frecuencias audibles (se alguén mo pode aclarar, pídollo por favor que deixe un comentario), mais paréceme moi complicado que sexa de tal intensidade que supere o son da respiración, ou que se consiga unha habitación con semellante silencio. Tería que ser unha habitación insonorizada lonxe de calquera fonte de ruído externa, algo realmente complicado.

Volvendo ao experimento de Cage. Non debería haber aparecido este son de fondo? Ou é que non se deron conta de que podía tratarse disto? Por outro lado tamén falan deste experimento e din que non é posible escoitar o sistema nervioso porque non provoca ningún ruído, e explícano mediante o típico zumbido que se escoita en ausencia de ruído chamado tinitus. Entón ese zumbido, é provocado externamente polo movemento dos átomos do ar ou é provocado pola existencia propia do oído?

O tinitus é sensible ao propio estado do ser humano, con cansancio, con extrés aumenta. É posible escoitar outra fonte de ruído por riba do tinitus?

Tal vez o ruído branco que está presente sempre sexa o provocado polo movemento dos átomos do ar. Pero xa nos estamos metendo no ruído, e estabamos tentando saber o que é o silencio.

O silencio é a ausencia de ruído. Mais o son non é máis que unha sensación debida á variación de presión atmosférica que percibimos no órgano do oído. Só pola propia existencia do oído existe sempre un ruído de fondo.

O silencio non existe.

E digo eu, non sería moi útil permanecer nunha cámara anecoica para non percibir nada máis que os sons que queremos identificar para chegar ao oído absoluto? Non sería máis fácil poder saber que nota é que está soando se non existe nada máis? (Está claro que este non é o camiño…)

Comentarios desactivados en Silencio

Na procura do oído absoluto (0)

Posted in Na procura do oído absoluto by miriño on the Xaneiro 24th, 2009

O oído absoluto é a habilidade de identificar unha nota polo seu nome sen a axuda dunha nota referencial, ou ser quen de producir exactamente unha nota solicitada (cantando) sen nengunha referencia.

Non está moi claro que é o oído absoluto, só hai que ver a propia discusión que se creou na definición da wikipedia.

Hai quen o ten moi claro, hai quen pensa que é unha cuestión xenética, hai programas de entrenamento…

Eu tiña moi claro que o oído absoluto era algo co que se nacía ou non. O oído relativo está claro que se pode traballar e mellorar, e que tendo un mo bó oído relativo, quen quere o oído absoluto? Sempre pensei e sempre dixen que o oído absoluto era privilexio duns cantos, e que podía haber xente cun oído relativo moi, moi, moi bó que memorizando unha nota podían “simular” o oído absoluto. Porque é posible memorizar exactamente o son dunha nota. Pois a máis baixa que se pode dar, a nota coa que máis cómodo se sinte un, etc.

Pero, claro, sempre ten que haber un amigo que veña a romperche os esquemas e que asegure que tal vez o oído absoluto poida ser adquirido con certo entrenamento. Faloume dun método dun tal David Lucas-Burge que asegura que se pode adquirir seguindo uns pasos moi sinxelos. Navegando por internet atópase un con xente que está dacordo e coa que di que é un estafador. Mais a dúbida xa está instalada nos miolos deste curioso.

Falando con outros amigos músicos que posúen oído absoluto, din que o que di o tal David Lucas-Burge non é tan estraño e que é posible que o proceso sexa tal e como o conta.

Agora o tal amigo proponme que siga o curso que está a facer el. Irame dando os pasos que el xa foi seguindo. Supoño que será unha forma de sentirse acompañado no seu camiño, aínda que sexa uns pasos por detrás.

Tal vez non o consiga, pero non creo que veña mal un pouco de entrenamento de escoita consciente, e estou seguro de que o oído relativo mellorará neste camiño que dou en chamar: Na procura do oído absoluto.