Curioso Impertinente


Manifesto das marchas da dignidade #22m

Posted in #22m,Manifestos,Marchas da dignidade,Pensamentos by miriño on the Marzo 22nd, 2014

“NON AO PAGO DA DÉBEDA

NIN UN RECORTE MÁIS

FÓRA OS GOBERNOS DA TROIKA

PAN, TRABALLO E TEITO PARA TODOS E TODAS

No 2014 atopámonos ante unha situación extremadamente difícil, unha situación límite, de emerxencia social, que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora á cidadanía e aos pobos.

Millóns de traballadores e traballadoras atópanse sen emprego. Ter unhas mans para traballar, ter unha carreira rematada, dispor da túa capacidade tanto manual como intelectual e non atopar un traballo digno é humillante. Estase a desperdiciar o talento colectivo dunha sociedade, hipotecando indefinidamente o seu futuro. Os traballadores e traballadoras non se merecen este atropelo á nosa dignidade colectiva.

Centos de miles de familias perderon a súa casa. Non hai nada máis inhumano que desaloxar unha familia do seu fogar só para alimentar a voracidade insaciábel duns banqueiros sen escrúpulos. Banqueiros aos que os estados servos da Troika (Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo e Comisión Europea) alimentan a custa de empobrecer aínda máis a clase traballadora e as persoas máis indefensas.

Mentres, a patronal, aproveitando o drama do paro masivo, aperta as caravillas coa rebaixa dos salarios e das condicións de traballo ás persoas que aínda teñen un emprego. Traballadores e traballadoras que, ante a difícil situación, non poden nin sequera cuestionar o seu papel de meros explotados/as polo capital. O sistema intenta obrigarnos a amosarlles agradecemento aos empresarios, convertidos polo sistema en benefactores da sociedade. É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro.

A nosa mocidade non ten posibilidade de forxar un proxecto de vida digno coas actuais políticas e vese abocada a buscar a vida no estranxeiro como antes fixeron os nosos pais e avós.

Dicimos non a un sistema patriarcal que nos arrastra a épocas do pasado, roubándonos o dereito a decidir sobre os nosos corpos, negándonos a capacidade para decidir sobre se queremos ou non ser nais, provocando a volta aos fogares para dedicarnos á crianza.

Estamos sufrindo as políticas executadas polo goberno do PP ao ditado da Troika, consistentes no roubo de dereitos e o empobrecemento xeralizado da maioría social. Estas políticas, que se fundamentan no pago dunha débeda ilexítima que non contraeron os cidadáns e cidadás, son produto da especulación bancaria e os excesos dos distintos gobernos.

Privatizan o rendíbel mentres nos recortan o orzamento en saúde, ensino, dependencia, transportes públicos, auga, enerxía, comunicacións, servizos sociais, etc., o que redunda negativamente nos nosos dereitos cidadáns. Rinse dos nosos maiores, que sofren unha enorme perda do seu poder adquisitivo, ao tempo que ven como os seus aforros de toda a vida están secuestrados pola estafa bancaria das preferentes e outros produtos financeiros delituosos.

O goberno do PSOE, co apoio do PP, modificou o artigo 135 da Constitución para lle dar prioridade ao pago da débeda frente aos dereitos e necesidades das persoas. Xustificárono dicindo que viviramos por riba das nosas posibilidades e que había que ser austeros e, xa que logo, era imperativo recortar o déficit. No entanto, non houbo ningún recorte á hora de inxectar decenas de miles de millóns de euros para salvar os bancos e os especuladores.

Están aproveitando a crise para recortar dereitos. Estas políticas de recortes están a causar sufrimento, pobreza, fame e incluso mortes, e todo para que a banca e os poderes económicos sigan tendo grandes beneficios a expensas das nosas vidas.

Porque nos roubaron a liberdade. Ao capitalismo sóbranlle as liberdades e os dereitos da maioría social. É un sistema que procura exclusivamente o beneficio privado duns poucos e que nos leva inexorabelmente a unha catástrofe medioambiental e social de alcance incalculábel.

Para a maioría social esta crise-estafa está a significar un xigantesco drama humano. Porén, para unha insignificante minoría supón un gran negocio. E cando se protesta, sempre obtemos a mesma resposta: a represión e criminalización do sindicalismo de clase e dos movementos sociais. É un sistema que precisa a represión para se manter e que debe ser superado coa loita na rúa.

A descomposición do réxime xurdido da Constitución do 78 faise evidente debido aos mesmos elementos presentes no seu nacemento, rexime que tivo lugar en contra do pobo, está corroído pola corrupción e non ten ningunha lexitimidade. Os dereitos e liberdades fóronnos roubados para favorecer os intereses dunha minoría e asegurar os seus beneficios, os mesmos que nos levaron a este estado de excepción social, a base de desmantelar a educación e a sanidade públicas, de reducir drasticamente as pensións dos nosos maiores, de se apoderar das nosas vivendas e de pechar empresas, e despedir milleiros de traballadoras e traballadores.

Os distintos Gobernos sitúanse fóra da legalidade, converten en negocio os dereitos que tanto custou conquistar e sustentan a corrupción, un feito xeralizado mais non independente do sistema económico, que forma parte da estrutura mesma desta sociedade e é indispensábel para o seu desenvolvemento. Tanto os corruptores como os que se deixan corromper forman parte deste sistema inxusto de produción e distribución da riqueza.

Chamamos os pobos a que exerzan a súa soberanía, alzando a súa voz de abaixo arriba, democraticamente, para construír un proceso constituínte que garanta realmente as liberdades democráticas, o dereito a decidir e os dereitos fundamentais das persoas.

Dende a MARCHA DA DIGNIDADE 22M, consideramos que é importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a xustiza social.

Unha mobilización contra o pago da débeda, polo emprego digno, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de homes e mulleres libres, unha mobilización contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agreden e non nos representan.

Esiximos, xa que logo, que se vaian. Que se vaia o Goberno do PP e, tamén, todos os gobernos que recortan dereitos sociais básicos, todos os gobernos que colaboran coas políticas da Troika.

Por iso, facemos un chamamento a encher de dignidade e rebeldía a capital do Estado español, Madrid, o 22 de marzo. Ese día chegaremos columnas de todas as latitudes da Península a Madrid e convocamos os madrileños e madrileñas a sairen á rúa e incorporarse a esa gran mobilización da maioría social.

PAN, TRABALLO E TEITO

Á RÚA, QUE XA É HORA”

Comentarios desactivados en Manifesto das marchas da dignidade #22m

Manifesto Nunca Máis

Posted in Manifestos,Nunca Máis,Pensamentos by miriño on the Novembro 15th, 2013

Amigas e amigos do País de Nunca Máis:

Moitas grazas por asistirdes hoxe a unha convocatoria de concentración obrigada polas circunstancias.

Despois de coñecer a sentenza do “Prestige” cómpre dicir, máis unha vez, que o noso país segue á deriva, sen institutcións que o defendan, sen máis goberno de seu que a propia sociedade galega que se autoorganiza para erguer a bandeira da indignación e da dignidade colectiva deste pobo, igual que hai once anos nos autoorganizamos para recoller coas nosas propias mans o chapapote que a irresponsabilidade política dos gobernos do Partido Popular foi estendendo polo mar adiante, ao longo das nosas praias e das nosas rías.

Se grande foi hai 11 anos a nosa indignación diante da xestión política da catástrofe do “Prestige”, moito máis grande é aínda agora a nosa indignación e a nosa carraxe perante unha sentenza que deixa impunes aos responsábeis políticos do maior delito ecolóxico dos últimos tempos. Non pode ser que as autoridades que tomaron a decisión de ir co barco dun lado para outro, estendendo o chapapote e a morte polas augas todas, queden agora totalmente impunes. Onde está a Xustiza? Que maneira é esta de facer xustiza? ou é que en pleno século XXI só nos queda a xustiza pola man á que se refería Rosalía nos seus versos? Non será que o aparato da xustiza segue no século XIX, ao servizo do poder e dos poderosos, comos nos tempos de Rosalía?

Mais hoxe, igual que hai 11 anos, non ficaremos calados. Galiza non ficará calada nunca máis. Nin o estivo daquela, cando o sinistro do buque, nin o estará agora, diantes desta decepcionante sentenza. Nunca Máis somos todas e todos nós, o pobo galego en pé. Nunca Máis é a reacción natural dunha sociedade que se autoorganiza fronte aos gobernos que nos desgobernan e fronte á xustiza que deixa na impunidade total un delito que causou unha profunda dor nos nosos corazóns, unha gravísima destrución medioambiental e unhas perdas económicas de máis de 4000 millóns de euros. Nunca Máis é o único berro de xustiza no medio de tanta inxustiza.

Estamos fartos e fartas de mareas negras, de gobernos que gobernan en negro, de sentenzas onde nunca brilla a brancura da xustiza, de autoridades e institucións que desprezan a nosa intelixencia, a nosa dignidade, o noso combate contra os que non aman nin queren unha patri libre, onde poidamos traballar sen emigrar, vivrmos do noso mar, da nosa terra e dos nosos sectores produtivos.

Só nos faltaba que ademais da fame que está a levar a moitas persoas aos comedores sociais, aos bancos de alimentos e mesmo aos contenedores do lixo, agora teñamos tamén fame de xustiza.

Precisamos outra xustiza, unha xustiza en clave de páis, que nos libere dos que nos desgobernan, dos que contaminan o noso mar e as nosas rías, dos que todo o cubren de marea negra, de alcatrán, de morte e de miseria.

Anunciamos aquí que volveremos ás rúas e ás prazas, ao País de Nunca Máis, á mobilización. É o pobo galego, non o aparello de xustiza do Estado español, quen si condea aos responsábeis políticos, a aqueles que nos mentiron, que nos enganaron, que se aproveitaron de nós, aqueles que volverían facer o mesmo de se repetiren circunstancias similares. Nós condeámolos. Non por vinganza, senón por xustiza. Ninguén nos vai poder pagar nunca o dano que nos fixeron, o sofrimento que padecimos, mais tampouco ninguén nos vai poder roubar nunca a imensa dignidade que para sempre vai ficar gravada na retina da memoria colectiva do pobo galego.

Fomos ficando sós, o Mar o barco e máis nós(…) E ficamos nós sós, como di o canto de Manuel Antonio, nós sós para gobernarmos o noso mar, a nosa terra, a nosa patria, o noso presente e o noso porvir, nós sós para que Galiza deixe de ser nación sen Estado de seu, para que se cumpra xustiza e nunca máis o mar que tanta vida ten e nos entrega volva ser esa enorme marea negra que nos fire de inmensa dor o corazón.

Non esquecemos!
Non á impunidade!
Mareas negras nunca máis!

Comentarios desactivados en Manifesto Nunca Máis

A favor dos dereitos fundamentais e do coñecemento

Posted in Manifestos,Pensamentos by miriño on the Decembro 2nd, 2011

Contra a aprobación da Lei Sinde por un Goberno en funcións totalmente deslixitimado aínda que teña o apoio engadido do novo Goberno. En contra tamén de todos canto traballan por unha SGAE á galega como solución para o sistema cultural galego.

  1. Os dereitos de autor non poden situarse por encima dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.
  2. A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir sendo competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon en mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.
  3. A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, entorpecendo a creación de empresas, introducindo trabas á libre competencia e retardando a súa proxección internacional.
  4. A nova lexislación proposta ameaza aos novos creadores e entorpece a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizouse extraordinariamente a creación e emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen principalmente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.
  5. Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos a unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a esta nova contorna non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio baseábase no control das copias das obras e en Internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían buscar outro modelo.
  6. Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, cribles e alcanzables e que se axeiten aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.
  7. Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga sendo libre.
  8. Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sustentable e realista de face ao futuro.
  9. Propomos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.
  10. En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e consultando previamente a todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.
Comentarios desactivados en A favor dos dereitos fundamentais e do coñecemento

#15m

Sorpréndome a min mesmo ao comprobar que foi o 23 de febreiro cando neste mesmo blog se falaba do movemento #nonosvotes.

Dende ese día foron aparecendo outros movementos, outras iniciativas que, aproveitando as redes sociais, foron creando debate arredor do descontento xeralizado sobre a maneira de entender a democracia dos políticos que nos tocou sufrir. Estas iniciativas como www.juventudsinfuturo.net, opvdevotaciones.blogspot.com, democraciarealya.es foron organizándose para convocar unha manifestación o domingo 15 de maio (#15m). A partir desta manifestación, a xente quedouse na rúa e comezaron a acampar por todos lados. Todas estas acampadas, tamén as internacionais, poden verse en tomalaplaza.net.

Obviando todos os movementos dos que os colleu totalmente desprevenidos e que tanto os insultan como tratan de manipulalo, o máis importante de todo isto é o debate político xerado que se espalla tamén entre os que nunca quixeron falar de política. Serve para reflexionar sobre o sistema no que estamos, para tentar mudalo, para criticalo, para procurar novas vías, para darse conta de que na democracia o poder reside no pobo.

Unha das críticas máis escoitada deste movemento era que só protestaban polo que non lles gustaba e que non facían ningunha proposta. Esta crítica desfaise por completo en canto se publican as propostas claras e concretas que comparto e subscribo. É moi posible que xa houbera partidos políticos que dicían cousas moi parecidas, pero iso non importa agora. É o momento de pensar, de reflexionar, e que despois cadaquén vote a quen mellor considere. Haberá outras cousas que reivindicar, outras ideas, outros pensamentos máis particulares que haberá que consensuar.

No momento no que se prohibe pola xunta electoral a concentración para o día da reflexión, quédome coa frase de #istoéreflexión. Si, se algo é reflexión, é todo este movemento.

Deixo o que se di en twitter on line sobre todo isto, e o vídeo en directo da Porta do Sol en Madrid.



Comentarios desactivados en #15m

Andaina na serra do Galiñeiro

Posted in Manifestos,Pensamentos by miriño on the Febreiro 22nd, 2011

Eu son dos que penso que o vento é unha forma de enerxía que hai que utilizar, que as enerxías chamadas “limpas” son a verdadeira alternativa para este mundo completamente esquilmado. Claro que tamén penso que ten que vir acompañado dun uso máis reponsable do consumo enerxético.

Penso que os muíños de vento son unha tecnoloxía que hai que potenciar, unha tecnoloxía que non é nova, que de sempre se utilizou. Os muíños de vento foron utilizados sobre todo en lugares onde non había a forza da auga dos ríos.

Mais resulta que no momento no que os aeroxeradores, que transforman a forza do vento en electricidade, comezan a ser “rentables” económicamente os “responsables” de turno quedan cegos por ver só e exclusivamente nunha dirección. A colocación dos aeroxeradores ten que ter en conta o impacto que sobre outros elementos causan.

Este é o caso da Serra do Galiñeiro. Un lugar cheo de recursos ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais de gran importancia. Unha chea de recursos que non se usan, que non se aproveitan, que non se protexen, que non se espallan. Unha chea de recursos que poderían ser rentables incluso de maneira económica, de forma responsable e autosostible.

Pero o único que se lle ocorre a estes políticos é un parque eólico que levaría por diante a tremenda riqueza desta serra.

É por todo isto que o domingo pasado houbo unha andaina reivindicativa pola protección da Serra do Galiñeiro. Arredor de 1500 persoas no monte nun día cheo de néboa, chuvia e vento.

Escoitarán os políticos as voces da xente que representan?

Deixo aquí o Manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro.

MANIFESTO POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO
A Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais, polo que as asociacións cidadás que subscribimos este manifesto, consideramos que teñen que ser protexidos ao amparo das lexislacións europea, galega e municipal vixentes.

Na actualidade só os PXOM de Vigo e o Porriño inclúen a súa parte da Serra como Espazo Natural de Protección, a pesar de que o valor desta está avalado por documentos como o da Comisión de Espazos Naturais da Axenda 21 promovida pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Gondomar no 2009 e o anuncio da ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal do Galiñeiro por parte do Conselleiro de Medio Ambiente e os rexidores dos concellos implicados no 2008. Non obstante a día de hoxe non só, non se cumpriron esas expectativas, senón que as ameazas sobre a Serra aumentaron.

Solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro para preservar todos os seus valores para goce de todas e todos nós, así como das xeracións vindeiras porque queremos seguir tendo:

Un referente paisaxístico nas bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, Baixo Miño e O Morrazo pola súa elevada altitude e polas formacións rochosas que a configuran.

Un rico patrimonio xeolóxico, tanto polas súas formacións de gneis de riebeckita nos cumes máis altos da Serra, como polos seus valores tectónicos únicos no mundo. Destacamos como formacións xeomorfolóxicas de orixe periglaciar a “Cova da Becha”, a “Lapa da Moura”, O monte dos Arruídos en Vincios ou a dos Milagres da Trapa nos Cabreiros.

Hábitats de breixeiras húmidas, brañas, turbeiras e matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos, algúns deles catalogados pola Directiva Europea 43/92/CEE, como “Hábitats Prioritarios” como as “Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Ericas” ou “Hábitats de Interese Comunitario” como as “Breixeiras secas” e os “Pastos pioneiros en superficies rochosas”. Queremos protexer a fauna de escasa presenza en Galiza, coma a azulenta papuda, ou endemismos coma a saramaganta Chioglossa lusitanica ou a rá patilonga. Tamén a avifauna migratoria como o picanzo real ou o pedreiro cincento. A ampliación da superficie protexida do Parque Natural do Monte Aloia a toda a Serra do Galiñeiro garantiría a continuidade dos ecosistemas imprescindibles para todas estas especies animais e vexetais da Serra.

Queremos seguir a disfrutar das pegadas da presenza humana en época prehistórica, dos petróglifos como o de “Auga da Laxe” de características únicas no continente europeo e das mámoas como as dos Bromús e as do chan das Moutas. De época histórica temos elementos importantes da arquitectura popular: presas, levadas, muíños de auga, abrigueiros para pastoreo comunal e para os obradoiros de cantería artesanal como foi a “Casa do Demo”.

E por se non presentaran xa por si mesas valores xeolóxicos singulares, as numerosas cavidades existentes na Serra do Galiñeiro, contan con elementos arqueolóxicos de orixe prehistórica e medieval, ademais de acoller un rico e variado patrimonio inmaterial, que se expresa en numerosas lendas populares e nun amplo abano de seres mitolóxicos.

Toda a Serra do Galiñeiro ofrece numerosos servizos económicos, de lecer, deportivos e culturais nunha área tan densamente poboada como é a área metropolitana de Vigo. Actividades deportivas e de ocio como o sendeirismo, a escalada, competicións de carreiras de orientación, colleita de cogumelos etc, ás que temos que sumar os aspectos didácticos relacionados coas Ciencias Naturais e Sociais que ofrece a Serra.

Amais disto, o Galiñeiro prové ao encoro de Zamáns e as súas augas subterráneas abastecen as traídas de aguas da veciñanza de toda es a contorna. Tamén acolle pastoreo de gado ceibe: cabalos, vacas, ovellas e cabras. As greas dos cabalos do monte galego permiten a celebración de dous Curros, o de Vincios e o de Morgadáns. Esta raza equina autóctona está actualmente en perigo de extinción, e a súa protección especial figura no Real decreto 1682/1977.

Queremos continuar coa xestión de aproveitamento multifuncional que moitas Comunidades de Montes e veciños, ou particulares fan da Serra, sustento de actividades culturais nas parroquias, e verdadeiras dinamizadoras da cultura do pobo.

Por todo o expresado denunciamos os proxectos e actuacións altamente impactantes que destragan a Serra, impulsados por un desarrollismo que ignora as súas catastróficas actuacións: plantacións de especies foráneas como eucaliptos ou piñeiros que reducen a biodiversidade e aumentan o risco de incendios, zonas inzadas de acacias, proliferación de canteiras, moitas delas ilegais pero que continúan en activo, así como canteiras en desuso sen a debida restauración. A presión de grandes infraestruturas como a construción de parques eólicos, estradas de circunvalación de áreas urbanas, son novas ameazas que se suman ao deterioro habitual que supoñen as pistas e movementos de terra sen control, os vertedoiros incontrolados de lixo e entullos, o tránsito frecuente de motos de cross e quads fora dos camiños e incluso a acampada ilegal.

Invitamos a toda a cidadanía, asociacións, clubs, entidades etc a sumárense a esta acción “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, a traballar, aportar ideas que apoien a salvagarda das riquezas naturais, culturais e sociais que alberga e conduzan á declaración da súa protección.

Subscriben e apoian este manifesto:

A.C. Berra Val Miñor.
Adega.
Amigos da Terra
AGA: Asociación Galega de Apicultura
A Ría Non Se Vende
Asociación “A GROBA”
Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista treze-catorze de Salceda de Caselas
Asociación Cultural “FESTA DA PREHISTORIA” de MOS
Asociación Veciñal Casco Vello de Vigo
Asociación de Veciños de Vincios
Centro Cultural as Pedriñas de Tameiga, Mos
Clube Espelelóxico Maúxo
Club de Montaña e Escalado AZIMUT
Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia
Club Montañaieros Celtas
Clube de montaña Xistra
Federación Galega de Montañismo
Comunidade de Montes de Vincios
Instituto de estudos Miñoranos
ÓutroVigoEPosible
Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo Cíes
Salvemos Monteferro
S.O.S. Groba
Verdagaia