Curioso Impertinente


Nematodo do piñeiro. e outras cousas.

Posted in Nematodo do piñeiro,Pensamentos by miriño on the Febreiro 7th, 2011

Como dicía na anterior anotación, quedei coa xente de Tragsa para delimitar o monte. Queren comezar a talar os piñeiros dos veciños que non venderon a ningún madeireiro e van chamando á xente que si vendeu para delimitar o monte e non curtar ningún piñeiro que non corresponda.

Imos na procura dos marcos ou dos sinais que marcan os lindes do monte, pero o traballo simplifícase moito porque xa o madeireiro marcou os piñeiros que vai levar. En moitas ocasións sabemos por onde vai o monte vendo os piñeiros marcados. De todas formas van facendo unha nova marca nos piñeiros que forman o perímetro do monte.

Falo con eles pero non saben moito máis ca min. Só un dato que eu non lera. O nematodo mantense inactivo por debaixo dos 22ºC polo que as datas que se manexan de prazo para talar as árbores están pensadas baixo este criterio. Eu dígolle de todas as formas que os prazos que se están dando son imposibles de cumprir, pero que hai que por prazos moi curtos para que se comece a cortar. Tamén conclúe el que hai que ser optimista porque o clima axuda neste caso a acabar co becho.

Tamén lles digo que a miña máxima preocupación é o plan de reforestación que non existe. Quédanseme mirando con ollos de “nós tampouco sabemos que exista ningún plan.”

E pouco máis. Ben, si, antes a miña tía pregúntalles que se é certo que os piñeiros de menos de 1m de altura se poden deixar sen cortar, tal e como se dicía no Faro de Vigo do 28 de xaneiro. Eles non sabían moi ben pero soáballes. Procuro no Faro de Vigo dese día e atopo esta nova, onde se di que “haberá que eliminar as coníferas de máis dun metro de altura”. Así que parece que os piñeiros que están nacendo poden salvarse (desta vez, polo menos). Aínda que tal e como se espalla o nematodo e como se están a facer as cousas non creo eu que se poida parar, e penso que os veciños deberían ir pensando en ter outras árbores no monte, mais isto é só opinión miña.

Unha pequena anécdota, da que non vou sacar ningunha conclusión e que penso que foi despiste, é que estabamos na procura dos piñeiros marcados polo madeireiro pero unha das árbores non estaba marcada e el dicíame se estaba seguro que ao mellor non era por aí por onde pasaba a linde. Eu contesteille que esa árbore non estaba marcada porque non era un piñeiro e non estaba vendida, senón que era un carballo. (Espero que os que veñan cortar non teñan estes despistes).

Xa se escoitan motoserras por todos lados e xa se vai vendo como se van cortando os piñeiros.

Tamén se ve claramente como se cortan os piñeiros pero os eucaliptos quedan.

Tamén me chamou a atención como se transportaban os piñeiros, xa que ao principio falábase de que tiña que ser en camións pechados para non ir espallando o becho. Supoño, porque o vin noutra ocasión, que se trasladaban os piñeiros para outro zona dentro do perímetro de 1,5 Km de radio. Pero estarase vixiando en todo momento que non se trasladen a outros sitios?

Eu son pouco optimista en canto ao futuro do monte, e sobre todo sobre o futuro dos piñeiros. E quero dicir de todos os piñeiros de Galicia, non creo que se poida parar un insecto facilmente, sobre todo cando a madeira viaxa con total impunidade entrando dende Portugal, e vendo como todo o mundo trata de saltar por riba das normas establecidas para desfacerse do nematodo.

_______________________________________________________

Mudando de tema (ou non). Atopei xente traballando no sumidoiro, que despois de estar de alcalde de Salvaterra toda a democracia, e despois de innumerables peticións, parece que acordou agora. Casualidade?

Chegaremos a librarnos destas cousas?

_______________________________________________________

Por último, saco en limpo, e quédome coa sensación de coñecer o monte que xa facía moitos anos polo que non paseaba. A pesares de levar días sen chover acabei cos pes mollados (por culpa da néboa), sen árbores isto non é posible. Percorrer o monte polo que corría e xogaba de neno tróuxome moitas lembranzas. Supoño que isto non me pasará só a min. Neste paseo fun ata a veiga que agora quedou de monte e a sorpresa foi atoparme alí con carballos e non con ningunha outra árbore, nin piñeiros, nin eucaliptos, nin ningunha outra cousa. Un lugar ao que volver.

Comentarios desactivados en Nematodo do piñeiro. e outras cousas.

O nematodo do piñeiro. Labranza da TVG.

Posted in Nematodo do piñeiro,Vídeos by miriño on the Xaneiro 19th, 2011

Programa Labranza da TVG onde se fala sobre o nematodo do piñeiro. Emitiuse o 9 de agosto de 2009:

Labranza 9-8-2009. Nematodo do piñeiro

Comentarios desactivados en O nematodo do piñeiro. Labranza da TVG.

O nematodo do piñeiro. Lexislación

Posted in Nematodo do piñeiro,Pensamentos by miriño on the Xaneiro 18th, 2011

Na procura de información, atopo esta páxina do Ministerio de Medio Ambiente y Rural y Marino onde se poden atopar as medidas de traslado de madeira dende Portugal e o plan de continxencia a adoptar contra o nematodo do piñeiro.

http://www.mapa.es/es/agricultura/pags/nematodo_pino/nematodo_pino.htm

Non se entende pois que anden tan despistados dando información. Se hai un plan de continxencia haberá que seguilo sen dubidar. Xa existía este problema en Portugal dende hai 10 anos, como é que non saben que facer? Xa se espallou en Exteemadura, non saben ver (ou preguntar) que se fixo alí e adaptalo a este caso?

Sigo sen comprender como non hai un plan de reforestación conxunto.

Comentarios desactivados en O nematodo do piñeiro. Lexislación

O nematodo do piñeiro. Venta e uso propio

Posted in Nematodo do piñeiro,Pensamentos by miriño on the Xaneiro 18th, 2011

Pódense solicitar permisos para vender os piñeiros a un madeireiro, que terá que manipular a madeira para que pase por un secadeiro. Tamén se pode solicitar permiso para cortar os piñeiros para uso propio. Neste caso a leña hai que tela nun local pechado e non se poderá volver a trasladar.

Estes son todos os impresos que hai que cubrir. O impreso para vender e levar leña é o mesmo. En realidade é un permiso de aproveitamento da madeira. No reverso explícase as condicións para cortar e desplazar os piñeiros.

Pinchar para ver máis grande.

Non entendo como se pode levar a leña para a casa. Por moito que se esixa que estea nun lugar pechado, hai quen di que con ter a leña dentro dun plástico é suficiente. Ou que sempre se pode por a leña de piñeiro por debaixo da de carballo, ou calquera outra árbore, para que non se vexa a de piñeiro.

Non podo pensar noutra cousa que os políticos andan nerviosos pola cercanía das eleccións. E non é que me poña triste, é que me cabreo!

Comentarios desactivados en O nematodo do piñeiro. Venta e uso propio

O nematodo do piñeiro. A carta

Posted in Nematodo do piñeiro,Pensamentos by miriño on the Xaneiro 17th, 2011

A carta certificada que supostamente lle chegou a todos os afectados. Na realidade, hai moitas deficiencias nos enderezos e nos datos da propiedade do catastro. No meu caso chegoume ben.

Pinchar para ver máis grande:

Comentarios desactivados en O nematodo do piñeiro. A carta

O nematodo do piñeiro. Zona afectada.

Posted in Nematodo do piñeiro,Pensamentos by miriño on the Xaneiro 16th, 2011

A zona afectada polo nematodo é esta. Toda esta zona ten que quedar sen piñeiros nos próximos meses. Aínda que tamén desaparecerán moitas das árbores que se atopan ao lado dos piñeiros. Sobre todo as que aínda non teñen moito volume. Todo será triturado.

Pinchar para ver máis grande.

Escaneado dende mapa A3 que dan no punto de información.

Comentarios desactivados en O nematodo do piñeiro. Zona afectada.

O nematodo do piñeiro

Posted in Nematodo do piñeiro,Pensamentos by miriño on the Xaneiro 12th, 2011

Bursaphelenchus xylophilus, así se chama o nematodo do piñeiro.

Hoxe tocoume ir á zona cero para informarme.

Pois pouco máis do que sabía:

Detectouse o verme a principio do outono na Vesadiña, que se propaga a través dun insecto, e que moi probablemente proveña de Portugal, onde o nematodo leva anos espallándose.

Para erradicalo establécese un radio de 1500 m onde hai que talar todos os piñeiros, que despois terán que pasar por un proceso de secado agresivo para matar a posible infección. Tamén se establece un radio de 20 Km de corentena preventiva.

Ata o 20 de xaneiro pode solicitarse o permiso para talar os piñeiros tendo un comprador madeireiro que cumpla cos requisitos de secado. Estas empresas madeireiras teñen que atoparse dentro destes 20 Km que se pon como límite.

Antes do 28 de febreiro teñen que estar os piñeiros talados.

Se non se fai así, encargaríase a Xunta de facer a corta das árbores e subastaría a madeira pagando aos afectados os cartos que quedarían despois de restar os custes, que se tasarían por metro cúbico de madeira resultante.

Os restos da madeira serían tratados despois, queimando a súa maioría. Os tocóns trataríanse quimicamente.

Pregunto se se pensou na reforestación. A resposta é que non. Cada propietario tería que pensar, e é o que recomendan (sen dar ningunha pauta), na reforestación de cada parcela. O que é seguro é que durante 2 anos non se poden prantar piñeiros, o que equivale a que non se deben deixar crecer os piñeiros que vaian saíndo. Cada propietario será o encargado de facer que isto se cumpra.

Ata aquí o que me contaron, que é pouco máis do que xa sabía.

Chego a casa e atopo unha carta da Xunta que fai referencia á resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria (onde se atopa toda a información), onde se di: ‘…establécese unha zona A chamada “zona de erradicación”, que comprende un área de 1,5 Km de radio ao redor do foco, e onde se deberán realizar labores de erradicación de todas as especies sensibles existentes, é dicir masas puras ou mesturadas que presenten exemplares de especies de xéneros Abies, Cedrus, Larix, Picea, Pinus, Pseudotsuga e Tsuga.’

Masas puras ou mesturadas? Quere isto dicir que tamén hai que cortar outras árbores se están no medio de piñeiros?

Na galipedia xa se fala disto.

_______________

Resulta triste ver como practicamente todo o monte vai desaparecer, posto que o piñeiro é a árbore predominante con grande diferencia. Resulta triste que non teñan prevista ningunha acción de reforestación, aínda que supoño que será algo do que se falará a partires de marzo-abril despois de toda a tala.

Os veciños están molestos, a a todo lle ven segundas intencións, non entenden que non poidan curtar ás arbores para uso propio, que teñan que malvendelas ou deixar que a Xunta lles pague o que lles pete. Supoño que serán a mala ou nula información que reciben, e de malos modos…

Eu supoño (ou é o que quero pensar) que toda esta tala é necesaria para erradicar esta plaga, pero quédame mal corpo ao ver que despois de tantos anos con esta plaga en Portugal non teñan previstas todas as accións a realizar. Ou por que non recomendaron ir diversificando o monte con distintas especies? Que non haxa un plan de reforestación pode dar a pensar que hai outros plans para todo ese terreos, nunha zona na que se pensan polígonos industriais a moreas. Son pensamentos que me veñen á cabeza e que ogallá teña que arrepentirme de pensalos. Moi sinceiramente, alegrareime de ser un pesimista trabucado (un pesimista trabucado pode chegar a ser un optimista?)

Seguro que volvermos falar do monte.

Comentarios desactivados en O nematodo do piñeiro