Curioso Impertinente


50 Lecturas Debuxadas

Posted in Banda deseñada,Club Lecturas Debuxadas,Espazo Lectura by miriño on the Abril 29th, 2014

O 29 de abril cúmprense 50 sesións do club Lecturas Debuxadas. Isto quere dicir que:

– Lemos 50 cómics.
– Dedicamos (oficialmente) 100h falando de banda deseñada (e o seu entorno)
– Son 5 anos dende que comezamos, e estamos na 6ª tempada.
– Coñecemos en persoa a 17 autores (Jacobo Fernández Serrano (2 veces), Kiko da Silva, David Rubín, Manel Cráneo, Ramón Trigo, José Manuel Trigo, Manolo López Poy, Dani Montero, Brais Rodríguez, Tokio, Mariano Casas, Inacio Vilariño, Iván Suárez, Miguelanxo Prado, Agustín Fernández Paz, Antonio Seijas e Gemma Sesar).
– Tivemos unha sesión na tenda Banda Deseñada, en Vigo.
– Con Manolo López Poy falamos a través de videoconferencia.
– Houbo unha sesión compartida co club Sete Vidas (Cartas de Inverno, con Agustín Fernández Paz e Antonio Seijas).
68 persoas reciben directamente un correo de recordatorio para cada sesión.
– Hai 151 persoas no grupo de facebook do club.

E estas son todas as sesións (en negriña aparecen os autores que acudiron):

01 – 16/12/2008 – A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado.
02 – 20/01/2009 – Los combates cotidianos, de Manu Larcenet.
03 – 17/02/2009 – Maus, relato dun supervivente, de Art Spiegelman
04 – 17/03/2009 – Río Abajo, de Pascal Rabaté – Arrugas, de Paco Roca
05 – 21/04/2009 – Aventuras de Cacauequi, de Jacobo Fernández Serrano
06 – 19/05/2009 – Píldoras azules, de Frederik Peeters
07 – 16/06/2009 – A conta atrás, de Carlos Portela e Sergi Sanjulián

08 – 20/10/2009 – Charla con Kiko da Silva
09 – 17/11/2009 – As serpes cegas, de Bartolomé Seguí e Felipe Hernández Cava
10 – 15/12/2009 – Ikigami, de Motorô Mase
11 – 19/01/2010 – Tamara Drewe, de Posy Simmonds
12 – 23/02/2010 – Os cinco narradores de Bagdad, de Fabien Vehlmann e Franz Duchazeau
13 – 16/03/2010 – Tres sombras, de Cyril Pedrosa
14 – 20/04/2010 – Onde ninguén pode chegar, de David Rubín
15 – 18/05/2010 – El arte de volar, de Antonio Altarriba e Kim
16 – 15/06/2010 – Persépolis, de Marjane Satrapi

17 – 19/10/2010 – Contrato con Dios, de Will Eisner
18 – 16/11/2010 – Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo
19 – 21/12/2010 – Batman, año uno, de Frank Miller e David Mazzucchelli
20 – 18/01/2011 – Fun Home, Alison Bechdel
21 – 15/02/2011 – (Charla con Melo na súa tenda – Banda deseñada)
22 – 22/03/2011 – Pyongyang, de Guy Delisle
23 – 26/04/2011 – O burato do inferno, de Ramón Trigo e José Manuel Trigo
24 – 24/05/2011 – Asterios Polyp, de David Mazzucchelli
25 – 21/06/2011 – Emigrantes, de Shaun Tan

26 – 18/10/2011 – O fillo da furia, de Manolo López Poy e Miguel Fernández
27 – 15/11/2011 – Piel color miel, de Jung
28 – 20/12/2011 – Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano
29 – 17/01/2012 – Inolvidable, de Alex Robinson
30 – 28/02/2012 – Sen mirar atrás, de Dani Montero
31 – 20/03/2012 – Polina, de Bastien Vivès
32 – 17/04/2012 – A man do diaño, de Brais Rodríguez
33 – 15/05/2012 – Agencia de viajes Lemming, de José Carlos Fernandes
34 – 19/06/2012 – Un zoo en invierno, de Jiro Taniguchi

35 – 16/10/2012 – Cabana de Balieiros, de Tokio
36 – 20/11/2012 – Barrio, de Carlos Giménez
37 – 18/12/2012 – Na procura de Ed o Riseiro, de Kim Deitch
38 – 22/01/2013 – Portugal, de Cyril Pedrosa
39 – 19/02/2013 – Mensaxes, A historia xamais contada xamais contada, de Mariano Casas
40 – 19/03/2013 – Pagando por ello, de Chester Brown
41 – 23/04/2013 – Titoán, de Inacio e Iván Suárez
42 – 21/05/2013 – V de Vendetta, de Alan Moore e David Lloyd
43 – 18/06/2013 – Trazo de xiz, de Miguelanxo Prado

44 – 15/10/2013 – Ardalén, de Miguelanxo Prado
45 – 19/11/2013 – Romeo y Julieta, de Gianni de Luca
46 – 10/12/2013 – Cartas de inverno (novela e banda deseñada // Club compartido), de Agustín Fernández PazAntonio Seijas
47 – 21/01/2014 – El libro de los insectos humanos, de Osamu Tezuka
48 – 18/02/2014 – Vida de nai, de Gemma Sesar
49 – 18/03/2014 – Cenizas, de Álvaro Ortiz
50 – 29/04/2014 – Operario, de Jano

Comentarios desactivados en 50 Lecturas Debuxadas

Así foi a Sentada Lectora

Posted in Espazo Lectura,Manifestos,Pensamentos,Sentada Lectora,Vídeos by miriño on the Maio 4th, 2012

O sábado 21 de abril anunciouse o acto da Sentada Lectora. O audio aparece neste vídeo xa con imaxes do día 22 de abril de todas as actividades: Migallas, lectura colectiva en silencio, manifesto, Cantares do Brión.

Isto é o que foi a Sentada Lectora (máis ou menos):

Comentarios desactivados en Así foi a Sentada Lectora

Manifesto a favor da lectura

Posted in Espazo Lectura,Manifestos,Pensamentos,Sentada Lectora,Vídeos by miriño on the Abril 25th, 2012

Aquí está o manifesto a favor da lectura de Espazo Lectura que se leu na Sentada Lectora por Araceli Gonda e Paula Carballeira.

MANIFESTO A FAVOR DA LECTURA

Se hai algo difícil de definir é a experiencia da lectura. Hai tantas lecturas como soños, como ilusións, como vidas, como persoas, como futuros. Ler é conquistar a oportunidade de vivir moitas veces máis das que unha persoa é capaz. Pero, ademais, a lectura é un motor agachado e secreto para chegar moito máis alá. Un motor contra o desánimo, contra a imposición, contra a necidade, contra o descoñecemento, contra a discriminación, contra a tiranía, contra o abuso, contra a inxustiza, contra a ignorancia, contra a indefensión, contra o desalento. A lectura constrúenos como persoas. A lectura é esperanza. É futuro.

Mañá celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro. Por iso, hoxe, en Gondomar, lendo para medrar, queremos anticiparnos a esa cada vez máis necesaria celebración para imprimirlle un novo espírito. Queremos unirnos na rebelión da lectura.

Vivimos tempos de crise. Tempos de desacougo.

Precisamente por iso debemos ser conscientes, máis conscientes ca nunca de que onde hai libros hai esperanza, porque onde libros hai futuro.

Aquí, en Gondomar, para nós o centro do mundo, sentados cun libro nas mans, poñemos en valor este acto humilde e poderoso que é a lectura, e queremos facer nosa, desde a voz da cidadanía, a máis importante das rebelións: a rebelión da lectura.

Precisamente nestes tempos de crise, cando é máis visible ca nunca que o mundo está gobernado por un diminuto grupo de persoas opulentas e cobizosas que atesouran a maior parte da riqueza, nós reivindicamos outro tipo de riqueza, máis humana, máis xenerosa, máis creativa, moito máis poderosa e moito máis confortable: a que nos dá a lectura.

A lectura é un referente de benestar social.

Precisamente por iso debemos defender o papel da lectura como imprescindible para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e ocio das persoas; indispensable para construír o futuro, indispensable para recuperar a esperanza, indispensable para erguer un porvir presidido pola razón e a dignidade.

Precisamente por iso, hoxe queremos protagonizar a rebelión da lectura. Porque hoxe, a lectura, é máis necesaria ca nunca. Porque hoxe, a da lectura, é unha rebelión imprescindible. A Lei do Libro e a Lectura aprobada polo Parlamento de Galicia e a Ley del Libro aprobada polo Parlamento español establecen que a lectura e o seu fomento deben ser elementos centrais e transversais de todas as accións de goberno, por entender que contribúe decisivamente ao desenvolvemento social, económico, industrial e cultural das sociedades.

Precisamente por iso, neste tempo global de recortes, desde a voz cidadá queremos deixar constancia de que os recursos elementais para o fomento e o hábito da lectura están compostos de vontade, de atención, de imaxinación, de entrega e de boa disposición. E non estamos dispostos a que ningún deses recursos nos sexa escatimado.

Para nós, a lectura ten a palabra. E o valor da palabra é o que nos fai persoas, o que nos distingue dos outros seres vivos. Por iso, nós, cidadás e cidadáns de a pé, reivindicamos a rebelión da lectura.

Proclamamos o seu carácter festivo, o noso dereito ao seu acceso xeralizado inalienable, o seu papel motor, o seu valor subversivo.

A lectura moldea sociedades libres, sociedades críticas, sociedades soñadoras, sociedades renovadoras, sociedades atentas, sociedades capaces, sociedades emprendedoras, sociedades avanzadas.

Precisamente por iso, nun momento coma este, como cidadás e cidadáns, queremos facer nosa a palabra, queremos facer nosa a lectura, e reunímonos para poñela en valor, para encomiala, para saudala, para enxalzala, para reivindicala, para dignificala, para reclamala.

Precisamos reiniciar o mundo, resetealo. E só é posible facelo desde a palabra. Só é posible facelo desde a lectura.

A lectura ten o poder arrebatador das meigas e das treboadas. O feitizo da lúa chea. Fainos brincar, fainos gozar, fainos bailar, fainos bicar praias descoñecidas, fainos acariñar golfiños, fainos voar, fainos chorar, fainos cuspir, fainos viaxar, fainos comprender, fainos sentir, fai que nos emocionemos.

Si, a lectura ten o poder arrebatador das meigas e o feitizo dunha noite de luada. Por iso, para a cidadanía galega, a reivindicación da lectura debe ir acompañada do desenvolvemento social e cultural da nosa lingua, debe ir abeirada nesa ollada milenaria que se nos transmitiu, de xeración en xeración, desde Martín Códax e Afonso X o Sabio, coma un tesouro de valor incalculable. A lectura tamén serve para coñecernos e recoñecernos. Para saber quen somos e de onde vimos.

Hoxe, as novas tecnoloxías están a poñer en valor a lectura. Vivimos nunha sociedade notoriamente dixital, que transforma os hábitos de acceso á información e que fai da lectura unha ferramenta estratéxica. A lectura na actualidade é máis imprescindible ca nunca. Unha sociedade só poderá ser avanzada se é lectora.

A lectura é educación, é formación, é traballo, é investigación, é colaboración, é socialización, é solidariedade, é porvir. A lectura é un motor social para prosperar.

Unha sociedade lectora é unha sociedade capaz. Precisamente por iso non temos dúbidas: onde hai libros, hai futuro. Esta é a nosa revolución. A revolución da cidadanía.

Únete á rebelión da lectura.

Comentarios desactivados en Manifesto a favor da lectura