Curioso Impertinente


Despois do #22m (2. Galiza)

Posted in #15m,#22m,#democraciarealxa,Pensamentos by miriño on the Maio 31st, 2011

Tanto na anterior anotación como nesta hai que ter en conta o carácter municipal destas eleccións, aínda que a comparación coas eleccións de 2007 se pode facer directamente.

O panorama en Galiza é máis desalentador que no resto do país, onde os políticos adícanse sen vergoña de ningunha clase a repartir directamente cartos nos mítins de campaña. E aínda se mostran orgullosos de “axudar” á xente.

O PP parece non ter máis teito electoral que o propio censo e campan ás súas anchas.

As contas son claras, o PP sube (54.176 votos máis, que representa un incremento do 8% con respecto ás eleccións de 2007), o PSOE baixa (66.566 votos menos, case un 14% menos que en 2007) e o BNG baixa (53.766 votos menos, un 17% menos).

A debacle aquí está clara, o BNG vai en caída libre. En contra dos que din que foi o PSOE o grande derrotado en Galiza, vese moi ben que aínda que perdeu menos votos o BNG representa unha maior caída porcentual.

Como ben explica calidonia, o #15m non tivo influencia nas eleccións. A inercia electoral da xente xa ía cara ao PP. Isto non é sorprendente, aínda que canse tanta realidade.

Facendo unha identidade PPSOE onde non se pode distinguir entre a política do PSOE coa que faría o PP, está claro que a balanza inclínase cara ao PP. No caso do BNG, ao identificarse en moitos dos gobernos co propio PSOE, sae definitivamente mal parado (coas súas poucas excepcións). A idea dunha fronte de partidos que ofrece alternativas e aparece como combativo, idea coa que o BNG subiu en apoios electorais, hai tempo que desapareceu. O BNG basou a súa campaña no voto útil facendo un chamamento para “votar masivamente ao BNG para frear á dereita”, campaña claramente nefasta e que pouco o diferencia doutras peticións de “voto útil” doutros partidos políticos. A cegueira para ver a súa propia debacle fixándose só na do PSOE seguirá facendo que vaia lentamente desaparecendo da vida política.

Un caso moi representativo é o de Vigo, onde o bipartito fixo que nestas eleccións o PSOE fagocitara ao BNG electoralmente (ao revés do que ocorreu en Pontevedra). A análise que parece que se está a dar é que o BNG perdeu votantes pola esquerda indo a parar a EU (un exemplo desta argumentación pódese atopar en VigoBlog.

Vexamos os números das eleccións en Vigo:
PP: 4.943 votos menos.
BNG: 11.656 votos menos.
PSOE: 5.647 votos máis.
EU: 4.193 votos máis.
OV-GV: 2.441 votos (en 2007 non se presentaron)
UPyD: 1.746 votos (en 2007 non existían)

Con estes números da a sensación de que o BNG perdeu en todo o espectro, non só pola esquerda cara á EU senón que parece que houbo trasvase tamén cara o PSOE. Outra cousa sería autoenganarse. O BNG ten que pararse a reflexionar, ten que pararse a pensar, e darse conta que o mundo non está onde eles dirixen a mirada.

Despois do #22m (1. España)

Posted in #15m,#22m,#democraciarealxa,Pensamentos by miriño on the Maio 31st, 2011

Na #acampadavigo topeime con estas contas electorais, que veñen a respostar a aqueles que pensan que non serviu de nada o das #acampadas. Só que os cambios van moi lentos e co actual sistema aínda menos se notan.

Estas contas non contan que, na realidade, o PP subiu en votos: 557.956 votos máis (que representa un 7% máis que o acadado en 2007), e que estas contas son certas pola debacle sufrida polo PSOE: 1.484.778 votos menos (un 19% menos que en 2007).

O lugar que me parece máis claro que o #15m funcionou é Madrid, onde o PP perdeu votos (120.592 votos menos), o PSOE perdeu votos (123.293 votos menos), IU gañou votos (26.720) e entrou UPyD no concello onde antes non tiña representación.

Outra imaxe que non aparece por ningures e que tamén mostran o resultado das eleccións é a seguinte, onde claramente se ve que ningún partido pode presumir de representar á maioría da poboación en idade de votar.

O panorama non é moi alentador pois a primeira resentida tras a “grande festa da democracia” parece ser a democracia interna do PSOE, onde parece que sen entender nada lánzanse a un suicidio colectivo que a sociedade non entende e é pola que precisamente se mostra indignada. Tampouco é moi alentador que sexan precisamente os políticos máis corruptos os que saian reforzados electoralmente, polo que aínda teñen máis razóns para seguir facendo o que fixeron ata agora.

Aínda así eu teño esperanza en que o movemento do #15m, con todos os seus erros e con toda a súa inxenuidade, sirva para que a xente se pare a pensar, a reflexionar sobre os políticos que nos tocou sufrir. Aínda que El Roto sempre nos volve á realidade máis crúa:

Comentarios desactivados en Despois do #22m (1. España)

#15m

Sorpréndome a min mesmo ao comprobar que foi o 23 de febreiro cando neste mesmo blog se falaba do movemento #nonosvotes.

Dende ese día foron aparecendo outros movementos, outras iniciativas que, aproveitando as redes sociais, foron creando debate arredor do descontento xeralizado sobre a maneira de entender a democracia dos políticos que nos tocou sufrir. Estas iniciativas como www.juventudsinfuturo.net, opvdevotaciones.blogspot.com, democraciarealya.es foron organizándose para convocar unha manifestación o domingo 15 de maio (#15m). A partir desta manifestación, a xente quedouse na rúa e comezaron a acampar por todos lados. Todas estas acampadas, tamén as internacionais, poden verse en tomalaplaza.net.

Obviando todos os movementos dos que os colleu totalmente desprevenidos e que tanto os insultan como tratan de manipulalo, o máis importante de todo isto é o debate político xerado que se espalla tamén entre os que nunca quixeron falar de política. Serve para reflexionar sobre o sistema no que estamos, para tentar mudalo, para criticalo, para procurar novas vías, para darse conta de que na democracia o poder reside no pobo.

Unha das críticas máis escoitada deste movemento era que só protestaban polo que non lles gustaba e que non facían ningunha proposta. Esta crítica desfaise por completo en canto se publican as propostas claras e concretas que comparto e subscribo. É moi posible que xa houbera partidos políticos que dicían cousas moi parecidas, pero iso non importa agora. É o momento de pensar, de reflexionar, e que despois cadaquén vote a quen mellor considere. Haberá outras cousas que reivindicar, outras ideas, outros pensamentos máis particulares que haberá que consensuar.

No momento no que se prohibe pola xunta electoral a concentración para o día da reflexión, quédome coa frase de #istoéreflexión. Si, se algo é reflexión, é todo este movemento.

Deixo o que se di en twitter on line sobre todo isto, e o vídeo en directo da Porta do Sol en Madrid.



Comentarios desactivados en #15m