Curioso Impertinente


50 Lecturas Debuxadas

Posted in Banda deseñada,Club Lecturas Debuxadas,Espazo Lectura by miriño on the Abril 29th, 2014

O 29 de abril cúmprense 50 sesións do club Lecturas Debuxadas. Isto quere dicir que:

– Lemos 50 cómics.
– Dedicamos (oficialmente) 100h falando de banda deseñada (e o seu entorno)
– Son 5 anos dende que comezamos, e estamos na 6ª tempada.
– Coñecemos en persoa a 17 autores (Jacobo Fernández Serrano (2 veces), Kiko da Silva, David Rubín, Manel Cráneo, Ramón Trigo, José Manuel Trigo, Manolo López Poy, Dani Montero, Brais Rodríguez, Tokio, Mariano Casas, Inacio Vilariño, Iván Suárez, Miguelanxo Prado, Agustín Fernández Paz, Antonio Seijas e Gemma Sesar).
– Tivemos unha sesión na tenda Banda Deseñada, en Vigo.
– Con Manolo López Poy falamos a través de videoconferencia.
– Houbo unha sesión compartida co club Sete Vidas (Cartas de Inverno, con Agustín Fernández Paz e Antonio Seijas).
68 persoas reciben directamente un correo de recordatorio para cada sesión.
– Hai 151 persoas no grupo de facebook do club.

E estas son todas as sesións (en negriña aparecen os autores que acudiron):

01 – 16/12/2008 – A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado.
02 – 20/01/2009 – Los combates cotidianos, de Manu Larcenet.
03 – 17/02/2009 – Maus, relato dun supervivente, de Art Spiegelman
04 – 17/03/2009 – Río Abajo, de Pascal Rabaté – Arrugas, de Paco Roca
05 – 21/04/2009 – Aventuras de Cacauequi, de Jacobo Fernández Serrano
06 – 19/05/2009 – Píldoras azules, de Frederik Peeters
07 – 16/06/2009 – A conta atrás, de Carlos Portela e Sergi Sanjulián

08 – 20/10/2009 – Charla con Kiko da Silva
09 – 17/11/2009 – As serpes cegas, de Bartolomé Seguí e Felipe Hernández Cava
10 – 15/12/2009 – Ikigami, de Motorô Mase
11 – 19/01/2010 – Tamara Drewe, de Posy Simmonds
12 – 23/02/2010 – Os cinco narradores de Bagdad, de Fabien Vehlmann e Franz Duchazeau
13 – 16/03/2010 – Tres sombras, de Cyril Pedrosa
14 – 20/04/2010 – Onde ninguén pode chegar, de David Rubín
15 – 18/05/2010 – El arte de volar, de Antonio Altarriba e Kim
16 – 15/06/2010 – Persépolis, de Marjane Satrapi

17 – 19/10/2010 – Contrato con Dios, de Will Eisner
18 – 16/11/2010 – Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo
19 – 21/12/2010 – Batman, año uno, de Frank Miller e David Mazzucchelli
20 – 18/01/2011 – Fun Home, Alison Bechdel
21 – 15/02/2011 – (Charla con Melo na súa tenda – Banda deseñada)
22 – 22/03/2011 – Pyongyang, de Guy Delisle
23 – 26/04/2011 – O burato do inferno, de Ramón Trigo e José Manuel Trigo
24 – 24/05/2011 – Asterios Polyp, de David Mazzucchelli
25 – 21/06/2011 – Emigrantes, de Shaun Tan

26 – 18/10/2011 – O fillo da furia, de Manolo López Poy e Miguel Fernández
27 – 15/11/2011 – Piel color miel, de Jung
28 – 20/12/2011 – Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano
29 – 17/01/2012 – Inolvidable, de Alex Robinson
30 – 28/02/2012 – Sen mirar atrás, de Dani Montero
31 – 20/03/2012 – Polina, de Bastien Vivès
32 – 17/04/2012 – A man do diaño, de Brais Rodríguez
33 – 15/05/2012 – Agencia de viajes Lemming, de José Carlos Fernandes
34 – 19/06/2012 – Un zoo en invierno, de Jiro Taniguchi

35 – 16/10/2012 – Cabana de Balieiros, de Tokio
36 – 20/11/2012 – Barrio, de Carlos Giménez
37 – 18/12/2012 – Na procura de Ed o Riseiro, de Kim Deitch
38 – 22/01/2013 – Portugal, de Cyril Pedrosa
39 – 19/02/2013 – Mensaxes, A historia xamais contada xamais contada, de Mariano Casas
40 – 19/03/2013 – Pagando por ello, de Chester Brown
41 – 23/04/2013 – Titoán, de Inacio e Iván Suárez
42 – 21/05/2013 – V de Vendetta, de Alan Moore e David Lloyd
43 – 18/06/2013 – Trazo de xiz, de Miguelanxo Prado

44 – 15/10/2013 – Ardalén, de Miguelanxo Prado
45 – 19/11/2013 – Romeo y Julieta, de Gianni de Luca
46 – 10/12/2013 – Cartas de inverno (novela e banda deseñada // Club compartido), de Agustín Fernández PazAntonio Seijas
47 – 21/01/2014 – El libro de los insectos humanos, de Osamu Tezuka
48 – 18/02/2014 – Vida de nai, de Gemma Sesar
49 – 18/03/2014 – Cenizas, de Álvaro Ortiz
50 – 29/04/2014 – Operario, de Jano

Comentarios desactivados en 50 Lecturas Debuxadas

Metrópoles Delirantes: A banda deseñada na radio

Posted in Banda deseñada,Podcast,Radio by miriño on the Febreiro 3rd, 2014

Seremos seguidores do podcast Metrópoles Delirantes. Aí vai o primeiro:

Comentarios desactivados en Metrópoles Delirantes: A banda deseñada na radio

Proxectos para colaborar

Posted in Libros,Música,Pensamentos,Tradición by miriño on the Xaneiro 31st, 2014

Aquí van dous proxectos ben interesantes:

Comentarios desactivados en Proxectos para colaborar

Miguelanxo Prado

Posted in Banda deseñada,Redelibros by miriño on the Decembro 17th, 2012

Se alguén pretende facer unha lista de autores de banda deseñada en Galicia, non ten outra opción que comezar por Miguelanxo Prado. E é que en cada conversa, discusión, charla sobre a banda deseñada galega o nome de Miguelanxo aparece con total seguridade. É a referencia, a columna central do mundiño do cómic en Galiza.

Os seus inicios foron no Fanzine Xofre: historieta galega, onde xunto a Fran Jaraba e Xan Carlos López publicou un primeiro número alá polo ano 1979, aínda que non conseguiron publicar un segundo. Este primeiro número, comentado, pode consultarse na páxina web de culturagalega.

Vivindo en Barcelona, foi publicando para as revistas CreepyFanzine ZeroComix Internacional1984Zona 84El JuevesCairo e Cimoc. Das historietas que foron saíndo nestas revistas fixéronse recopilatorios en forma de álbum.

Autor de gran recoñecemento internacional que, non obstante, lamenta que a súa obra non puidera ser publicada na lingua orixinal na que foi escrita. Nunha recente entrevista a propósito da publicación en galego de Trazo de xiz, Miguelanxo reflexionaba sobre a realidade do “mercado” da banda deseñada galega.

Autor inquedo, non para de buscar o estilo que mellor se adapte á historia que quere contar, cousa que tamén lle trae críticas que din que non é recoñecible dunha obra a outra. Non obstante, existe unha homoxeneidade tanto no debuxo como na forma de narrar, unha visión un tanto pesimista, nostálxica, de distancia co ser humano. Nas súas obras, a distancia entre o lector e o narrado fai que un non se sinta identificado co protagonista da historia, tal vez coas excepcións de Trazo de xiz De profundis, de tal maneira que todo é recoñecible no ser humano pero cunha visión externa, polo que consegue facer crítica do ser humano sen que quen o está lendo se sinta atacado. Esta distancia conduce inevitablemente á reflexión, ao recoñecemento das miserias humanas para pararse a pensar. Poderíase dicir que Miguelanxo realiza unha “autocrítica do lector”.

En Trazo de xiz, a historia é máis intimista, máis en primeira persoa, pero unha primeira persoa de cada personaxe. O lector vai percibindo a historia dende os ollos subxectivos de cada un dos co protagonistas. Parámonos un pouco máis en Trazo de xiz porque é a obra máis celebrada de Miguelanxo, onde se rompe a distancia co lector, onde se rompe o tempo, onde se rompe a cuarta parede da lectura, onde a realidade e a imaxinación dan lugar a unha experiencia lectora diferente e enriquecedora.

Mais do que se trata é de gozar da lectura das súas obras:

Fragmentos de la enciclopedia délfica é a primeira obra en forma de libro de Miguelanxo na que se xuntan todas as historias que foron aparecendo na revista 1984. É unha obra de ciencia ficción con capítulos autoconclusivos que van narrando momentos concretos da enciclopedia gardada pola cuarta especie, a dos delfíns. Móstrase nesta obra o pesimismo con respecto a humanidade que se repetirá en moitas das súas historias. O propio autor di “o home, a pesares dos seus terribles e constantes erros e á súa cegueira autodestrutiva, continúa a súa evolución, á vez que se expande polo cosmos”.

Tamén publicada por entregas na revista Zona 84 e despois en álbum atópase esta historia situada no futuro onde a ciencia ficción nos achega aos estratos sociais e a maneira de interactuar que moito nos fai lembrar á realidade que nos envolve. Esta obra, prologada polo entusiasta Méndez Ferrín, sitúase nunha sociedade baseada no consumo e na que a corrupción e a destrución dos recursos naturais están a orde do día. Stratos vai viaxando a través das distintas capas sociais, deixando ver todas as teimas e miserias do ser humano.

Historias de humor onde a violencia é a protagonista, a que leva a voz cantante. Isto é o que aparecen en Crónicas incongruentes. Nesta sociedade na que todo é levado ao límite, a violencia colle peso ata facer un esperpento. O máis chamativo é que é unha violencia recoñecible. Pode ser considerado o xermolo das historias de Quotidianía delirante.

Coller a realidade, fixarse nunha cousa en concreto e levala ao límite esaxerándoa. Nisto consisten basicamente as historias de Quotidianía delirante, no que o resultado acaba por parecernos moi coñecido, moi real. Unha imaxinación prodixiosa para darse conta de por onde vai evolucionando a sociedade, cun ton un tanto pesimista que, precisamente, é o que o convirte en algo tan cotián.

En Tangencias abórdanse as relacións de parella que unhas veces por culpa da sociedade, outras por priorizar outras cuestións máis “importantes”, non acaban de funcionar, parellas que só o son de maneira tanxencial. Historias curtas con pequenas diferencias de estilo que, non onstante, acaban por crear unha atmosfera homoxénea, cun certo ton melancólico que non evita a crítica inconsciente da sociedade na que viven as parellas.

No programa Tris Tras Tres, Fernando Luna creou a historia, emitiuse como serial radiofónico e despois Miguelanxo Prado foi o encargado de levar ao cómic as aventuras de Manuel Montano, un detective con ínfulas de grande pero que non é quen de saír dos pequenos enredos do seu barrio. A través de todas as páxinas vai detrás do manancial da noite, un misterio que nin el mesmo sabe se é produto da imaxinación.

A Deputación da Coruña editou no ano 1993 unha compilación de historias curtas de distintas orixes co título de Páxinas crepusculares onde se inclúen as historias As rotas da augaBis repetitaCollage dunharenunciaSilencio de oboeDemorado crepúsculo de outubro (incluída no álbum Tangencias), todas elas comentadas polo propio autor que indica onde foron publicadas e unha pequena explicación sobre a súa creación. O libro inclúe unha moi interesante introdución de Xavier Seoane, que fai un repaso de toda a obra anterior de Miguelanxo Prado.

A publicación de Trazo de xiz fixo que o recoñecemento como autor de Miguelanxo se acrecentase definitivamente no mundo da banda deseñada internacional. Título imprescindible na obra do autor, serializada previamente na revista Cimoc e publicada despois nun só volume, é a primeira historia longa, pois as anteriores son historias curtas aínda que publicadas en tomos con temática homoxénea. Cóntase a historia de Raúl, que chega a unha illa que non se atopa nos mapas despois dunha treboada. Nela hai un faro que non funciona, unha pousada rexentada por Sara e o seu fillo e Ana, unha rapaza distante que está esperando a alguén. Unha historia onde o tempo non transcorre dunha maneira normal, onde se mestura a fantasía cun certo ar de misterio.

Pedro e o lobo é unha versión do conto infantil e a música de Sergey Prokofiev, no que se fala da historia do grande lobo que vive no monte ao que hai que ter moito medo e moito respecto, mais a prohibición do avó fai que o neno teña curiosidade. Segundo di o propio Miguelanxo é “unha obra que lles gusta aos pais compartir cos fillos”.

O exemplo máis claro sobre a faceta internacional de Miguelanxo Prado foi a súa colaboración con Neil Gaiman na obra The Sandman, noites eternas, unha recreación dos personaxes de The Sandman debuxados por grandes ilustradores. Miguelanxo encárgase da historia de Soño, aínda que tamén saen os seus irmáns Eternos.

No ano 2004, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia encargoulle a Miguelanxo unha obra para encadrar dentro do ProxectoTerra no que se xeran contidos didácticos. A mansión dos Pampín, que se pode descargar de balde dende a web de Cultura Galega, é a historia dunha familia que herda unha pequena casa con terreo no rural e que a partir de entón se enfronta co mundo da especulación por parte do alcalde, do promotor… Tamén sae a valoración do patrimonio cultural e fai unha crítica xeral á sociedade galega a través da construción e a visión errónea do progreso. O propio autor a considera unha “quotidianía delirante” longa.

De profundis foi o resultado dun longo proceso de creación, no tempo e no traballo, no que participaron o compositor Nani García e a Orquesta Sinfónica de Galicia. Trátase dunha historia onírica na que un pintor e unha violonchelista van contando aos poucos o seu namoramento. Unha vez que o pintor, que quere ser mariño, morre afogado, será guiado por unha serea a través dunha ruta submariña e transformadora.

Para saber máis de Miguelanxo Prado pódese recorrer ao escrito polo seu bo amigo Agustín Fernández Paz: Vintedous fragmentos (unha aproximación á obra de Miguelanxo Prado), ou aos textos que este autor publicou sobre cómic en culturagalega.org.

E ven de publicarse Ardalén, unha extensa novela gráfica longamente agardada e esperada. E precisamente por ser tan agardada creou moita expectativas que nalgúns casos servirán para non gozar da súa lectura. Non é este o caso. Un debuxo inmenso, cheo de vida, plagado de fíos de memoria que todo o inundan. Cóntase a historia de Sabela, que vai na procura de alguén que coñecera ao seu avó Francisco na emigración en América. É a historia de Antonio, ou de Fidel, que ten lembranzas pero que non sabe cales son certas ou as que non. É a historia de Ramón, ou Samuel… É a historia dun tesouro enterrado, do amor de Rosalía, da fada mestra de piano… Lembranzas que constrúen a memoria, que permiten a existencia dunha persoa.

Mesturados no libro aparecen documentos, artigos en revistas especializadas, entradas de enciclopedias… material para completar a historia, para que o lector encha os espazos baleiros, pois o lector ten que estar activo, ten que por a traballar á súa imaxinación. Hai quen insinúa que esta é a mellor obra de Miguelanxo, mais isto só o dirá o tempo. E como vai de lembranzas, recorda algo a De profundis, e é inevitable que se cole Trazo de Xiz, pero non é máis que un recordo personal que nada ten que ver coa realidade, ou si, quen sabe?

Traballo moi persoal é esta “novela gráfica” que empurra o pensamento cara a recordos propios, que fai que as historias se mesturen, as do lector (este que fala polo menos) e as de Ardalén, o vento que provén de América a través do océano e que se cola terra adentro arrastrando recordos de emigración fallidos.

E Miguelanxo Prado xa está a pensar no próximo proxecto que non sabe cal será pero que ten claro que “precisa dun cambio de tema, de tono e de estilo”. E nós estamos xa agardando polo seu próximo cómic. Porque nunca defrauda.

Boa lectura!

Licenza de Creative Commons Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons
___________________________________________________________

Publicado no Caderno Redelibros. ISSN 2173-1977

Comentarios desactivados en Miguelanxo Prado

Polina

Posted in Banda deseñada,Vídeos by miriño on the Xullo 15th, 2011

Comentarios desactivados en Polina

Autobiografía en debuxos

Posted in Banda deseñada,Redelibros by miriño on the Abril 14th, 2011

Andaba eu coa idea ás voltas de tratar de identificar cal é o elemento diferenciador entre a banda deseñada de cando eramos pequenos e a que agora nos parece interesante, mais non atopaba por onde comezar a procurar. É difícil establecer estas cuestións dende o simple punto de vista dun lector recentemente recuperado para isto do cómic. O concepto de “cómic para adultos” ten unhas connotacións que se identifican rapidamente co erótico e o pornográfico e non é precisamente o tema do que quería falar. Mais xa nos daba unha pista por onde podía ir a diferenza. O medio é o mesmo, o que cambia é o tema do que se fala.

Creo que foi nun club de lectura virtual onde se acendeu unha pequena luz: a realidade. Ou sexa, que o que se conta é realidade ou a crónica, ou a crítica, da realidade.

Comecei entón a pensar nos temas que se trataban nos cómics de referencia, e trataba de comparalos cos cómics que lía de pequeno e os que leo agora. A primeira cousa da que me din conta é que non podo dicir que deixei de ler o que lía de pequeno, ou polo menos non podo dicir que non o lería, aínda que estou seguro que lecturas ben interesantes agora mesmo non as entendería ou me aborrecerían de neno.

A procura seguiu por internet en webs e blogs especialistas, procurando en libros que falan sobre o cómic como a revista Boletín Galego de Literatura. Olladas do cómic ibérico ou o libro La novela gráfica onde se di: “Cal é o camiño que leva de Popeye a Maus? Como pasamos de Mortadelo a Arrugas?”. Parece que aquí está a posible solución á miña pregunta.

Sen embargo, na procura volveu caer nas miñas mans un pequeno libro que nos pode ir guiando neste camiño, ademais de que nos serve para falar dos títulos máis interesantes do universo do cómic. Este pequeno libro é Egoístas, egocéntricos y exhibicionistas. La autobiografía en el cómic, una aproximación. Este libro fai un repaso sobre os cómics que usan a autobiografía para contar a historia que tratan.

É sorprendente como moitos cómics autobiográficos aparecen en numerosas listas como imprescindibles ou como exemplo do “novo cómic”, todas elas nomeadas como “novelas gráficas”. Non entraremos agora na etiqueta de novela gráfica e se realmente é un tipo de cómic ou se simplemente é unha maneira de visualizar a banda deseñada como algo culto ou interesante. Ese será outro debate.

Facemos unha pequena escolla sobre títulos autobiográficos vendo como moitos deles son títulos de éxito e de referencia na banda deseñada, tendo en conta que moitos destes títulos non son autobiografías en sentido estrito, pero que sempre son historias contadas dende os ollos do propio autor que tamén aparece no libro.

O cómic que sempre se pon como exemplo da chegada á madurez da banda deseñada é Maus, de Art Spiegelman , do que sempre se resalta que é o único que ten o premio Pulitzer. O autor conta a historia do seu pai, Vladek, como supervivente do campo de concentración de Auschwitz, como chegou alí e as repercusións na súa vida. A narración desenvólvese dende a actualidade onde o pai lle conta toda a historia ao seu fillo abordando tamén a difícil relación entre os dous. Spiegelman debuxa aos personaxes en función da súa orixe con distintos animais onde os xudeus son ratos, os alemáns, gatos, os poloneses son porcos, os ingleses son peixes, os franceses, ras, e os estadounidenses son cans, facendo por unha banda unha metáfora entre o comportamento de cada pobo e por outra consegue un afastamento obxectivo da historia. Neste caso a autobiografía céntrase máis na figura do pai, aínda que tamén aparece el mesmo, para contar unha historia persoal que se usa para narrar a de todo un colectivo.

Outro exemplo de que a historia transcende máis alá da vivencia persoal para explicar toda unha situación social é Paracuellos, considerada a obra máis destacada de Carlos Giménez. Paracuellos conta a vida dos nenos que vivían nos fogares de auxilio social na posguerra franquista, orfanatos onde acababan os desamparados causados pola guerra civil. Relátanse as historias que viviu o propio autor e os seus compañeiros. Un relato duro e tenro ao mesmo tempo onde se pasa continuamente do cabreo ao sorriso nas situacións vividas dende a infancia. Denuncia social en primeira persoa do absurdo da guerra e da inxustiza contra a infancia que debera ser un libro referencial da historia recente.

Nesta pequena lista de cómics históricos non se pode quedar fóra El arte de volar, de Antonio Altarriba e Kim, onde se fala da vida de Antonio Altarriba pai. Esta historia comeza co suicidio de Antonio no ano 2001 cando vivía nunha residencia de anciáns. Na caída vanse contando todas as etapas da súa vida, dende a 2ª república, pasando pola guerra civil, a 2ª guerra mundial, a ditadura franquista e a última parte en democracia na residencia de anciáns. Un percorrido pola historia recente dende os ollos dun personaxe que sempre foi empurrado polas circunstancias. Considerado por algúns un dos libros máis importantes publicados na última década.

Will Eisner, quen creou a etiqueta de “novela gráfica” para tentar que a banda deseñada fose considerada para público adulto no Contrato con Dios, tamén recorreu a contar a súa propia vida. Na obra El soñador, Eisner recolle momentos da súa vida para contar as historias dun novo debuxante no inicio da industria do comic-book, un soñador que cre posible poder vivir da banda deseñada. Non é exactamente unha autobiografía, mais recolle moitas das vivencias do propio Eisner nos seus inicios.

No recente Notas al pie de Gaza, Joe Sacco volve a Palestina durante a segunda intifada para investigar a matanza de Yan Junis en 1956 que é o que nos conta a modo de reportaxe periodístico neste cómic. O cómic que lle deu fama a Joe Sacco é precisamente Palestina, onde se conta en primeira persoa a viaxe que fixo nos anos 1991 e 1992 durante a primeira intifada. Relatado coma un diario de viaxe vai facendo un percorrido polos testemuños da xente que coñeceu, polas situacións que viviu, póndonos diante da tristura, da desesperación e, sobre todo, da frustración dos que alí viven, nos que aínda se pode atopar un chisco de esperanza. Unha visión no lugar en primeira persoa para dar a coñecer outras vidas.

Unha visión de lugares afastados e descoñecidos tamén a ofrece Guy Delisle nos seus libros Shenzhen e Pyongyang, nas viaxes que ten que facer por causa do seu traballo de dirección de animación, cóntanos as súas vivencias dende o punto de vista dun occidental que ten que vivir cos malentendidos producidos polo choque doutras culturas e as situacións inentendibles nos sistemas ditatoriais e moi pechados. En Shenzhen abundan máis os malentendidos coa pouca xente coa que ten contacto mentres que en Pyongyang céntrase nos absurdos que se producen na ditadura máis pechada do mundo.

Marjane Satrapi naceu en Irán no ano 1969. Estudou no liceo francés ata que foron prohibidos polo réxime islamita que xurdiu despois da revolución de 1979 en contra do Shá. Aínda que a súa familia eran partidarios da revolución, viviron dolorosamente o recorte de liberdades individuais, a represión, a imposición do veo feminino, a guerra contra Irak, todos os problemas de tratar de seguir unha vida laica a pesares dos “gardiáns da revolución”. Todo o acontecido nestes anos é o que Satrapi conta en Persépolis, unha narración da súa propia vida que volve ser a historia de todo un país. Tamén en Bordados tira da súa memoria para contarnos a os pensamentos, as inquedanzas, as vivencias das mulleres iranianas, onde se fala de todo, sexo, matrimonio, infidelidades, inxustizas. Un retrato da situación da muller en oriente medio a través das lembranzas das reunións das mulleres da familia da nena Marjane.

Dende a banda deseñada poden contarse todo tipo de temas. Neste caso Frederik Peeters achéganos ao mundo da SIDA, enfermidade tan temida como descoñecida. En Píldoras azules cóntase a historia de amor entre Peeters e unha muller afectada polo VIH. Relata a súa vida cotiá con ela e co seu fillo, tamén afectado polo virus, dende os sentimentos onde aparecen as dúbidas, os medos, as preocupacións, sen tratar en ningún momento de recrearse nun drama que non existe. Asomarse a esta historia é entender que se pode vivir con esta enfermidade como calquera outra, é romper prexuízos sen pretender en ningún momento deixar pouso de moralidade nin tratar de facer pedagoxía sobre o tema. Vemos na historia do cómic unha vida de completa normalidade onde a enfermidade, o medo, a incomodidade, forma parte da mesma vida dos risos, da complicidade, do amor. O descoñecemento da enfermidade fai que se rompan moitas miradas preestablecidas e, coa axuda do médico, se vaia cara unha vida completamente normal, incluíndo sorprendentemente a faceta sexual. Un libro que se recomenda en moitas ocasións como material didáctico. Neste caso, a primeira persoa da narración fai que se achegue moito mellor ao lector a unha historia aparentemente moi allea.

Un dos títulos de maior éxito nos últimos tempos é María y yo, de Miguel Gallardo. “María ten doce anos, un sorriso contaxioso, un sentido do humor especial e ten autismo”, nada mellor que as propias palabras do libro para explicar de que vai. Ao igual que en Píldoras azules, non se trata de facer un método sobre a enfermidade, se non contar as propias vivencias tal e como se senten. A relación entre pai e filla e o resto do mundo é o que aparece nese libro. As reaccións do resto das persoas, as olladas desconfiadas, a ignorancia sobre o distinto, todo isto cáese polo seu propio peso cando se relatan as características dunha persoa e a súa forma de estar no mundo.

Philipe Dupuy e Charles Berberian son os creadores de El señor Jean, unha serie de éxito onde se contan as vivencias dun curioso personaxe. Ao mesmo tempo que realizaban o volume número 3,  Las mujeres y los niños primero, foron contando as súas peripecias tanto das súas vidas como da creación do cómic e as dificultades coas que se atoparon en Diario de un álbum, un proxecto sen complexos e procurando a sinceridade dos seus puntos de vista. Un libro perfecto para saber en que pensan os autores cando se enfrontan á creación dunha historia.

Aurélia Aurita atrévese a contar sen censura, con total liberdade e explicitamente a súa relación sexual co tamén autor de banda deseñada Frédéric Boilet en Fresa y chocolate e Fresa y chocolate 2. A través dos seus pensamentos vai mostrándonos as súas dúbidas, as súas curiosidades, as ganas de experimentación sobre unha vida sexual sen límites preestablecidos onde o xogo o inunda todo. Un punto de vista feminino para achegarse ao sexo sen prexuízos fai deste libro unha lectura fresca e picante.

En Pobre cabrón Joe Matt leva a autobiografía ata extremos límite onde non hai censura en ningún pensamento. A vida miserable e patética aparece aquí con total impunidade sen marxe para a escusa nunha historia na que calquera que pase pola vida de Matt pode aparecer retratado. As dúbidas coa súa moza, o desexo pola moza do seu amigo, a afección pola pornografía, a avareza, o egoísmo aparecen mostrando os complexos e os medos dun tipo que non ten vergoña para facer da súa vida un relato. Relatos que tal vez axuden a levar mellor as propias miserias do lector.

Hai máis títulos e máis autores que fan uso de elementos autobiográficos para realizar as súas historias, que se mostran a si mesmos como medio de transmisión narrativa. Quedarán para outras lecturas, outras recomendacións.

Esta “moda” polas autobiografías habería que entendela dentro do proceso de creación da banda deseñada. A autoría consciente que non existía por estar orientada nun proceso industrial destinado a un público infantil e xuvenil sen poder decidir en ningún elemento do procedemento, que cambia cando se procuran novos camiños a través do cuestionamento da propia industria. Neste momento, a principios dos 70, é cando se procuran historias máis acordes cun público que non ten porque ser necesariamente infantil ou xuvenil, entra a necesidade de contar as propias preocupacións. Desta forma a autobiografía colle forza como elemento para a creación de historias. Esta sería unha maneira de facer entrar a realidade pura e dura na banda deseñada, aínda que non a única, que provoca unha sintonización directa co lector chegando a lugares que antes eran impensables. Esta relación coa realidade tamén inflúe na ficción establecendo unha vía de “novos” temas a traballar e desenvolver que antes eran impensables.

Só me queda por dicir que en todo este camiño hai un personaxe que estivo petando na miña cabeciña e non é outro que Mafalda, que aínda que tamén aparece neste momento da historia onde se procura un cambio no modelo industrial a todos os niveis, conleva unha reflexión sobre as tiras cómicas dos periódicos onde se tratan temas directamente da realidade. O punto de mira hai que polo nas historias máis longas e desenvolvidas, no relato dunha banda deseñada entendida coma unha narración completa, onde o que imperaba eran os relatos de puro entretemento e aventuras para un obxectivo de público de pouca idade. O punto de inflexión está no acompañamento do público lector de cómics segundo vai crecendo que fai necesario unha industria e un punto de vista diferente.

Boa lectura!

Licenza de Creative Commons Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons
___________________________________________________________

Publicado no Caderno Redelibros. ISSN 2173-1977

Comentarios desactivados en Autobiografía en debuxos

Mauro Entrialgo en CasAmérica

Posted in Banda deseñada,Vídeos by miriño on the Marzo 18th, 2011

Outro vídeo máis recollido en cartoonando sobre as charlas do Festival VivAmérica 2010. Encárgase Mauro Entrialgo de contar como se reparte o mercado editorial do tebeo.

El pastel del tebeo electrónico.

Comentarios desactivados en Mauro Entrialgo en CasAmérica

Liniers en CasAmérica

Posted in Banda deseñada,Vídeos by miriño on the Marzo 15th, 2011

Máis vídeos da Noche de cómic del Festival VivAmérica 2010 recollidos en cartoonando. É a quenda do xenial Liniers (paga a pena entrar na súa web!), e a súa relación coa tecnoloxía.

Nuevas tecnologías y como evitarlas.

Comentarios desactivados en Liniers en CasAmérica

Darío Adanti en CasAmérica

Posted in Banda deseñada,Vídeos by miriño on the Marzo 10th, 2011

Outra das charlas que se deron no Festival VivAmérica 2010 sobre a banda deseñada. Esta vez é Darío Adanti quen fala. (vía cartoonando)

El cómic de humor.

Comentarios desactivados en Darío Adanti en CasAmérica

Miguel Brieva en CasAmérica

Posted in Banda deseñada,Vídeos by miriño on the Marzo 7th, 2011

No blog Cartoonando atopo unhas charlas sobre a banda deseñada que se fixeron dentro da Noche de cómic del Festival VivAmérica 2010. Esta é de Miguel Brieva onde fala da historia do cómic.

El cómic, un terreno fértil, libre y casero para ensanchar la imaginación

Comentarios desactivados en Miguel Brieva en CasAmérica

A banda deseñada, lectura (tamén) adulta

Posted in Banda deseñada,Redelibros by miriño on the Febreiro 10th, 2011

As primeiras lecturas que se nos ofrecen cando aínda non sabemos ler son libros onde as ilustracións o ocupan todo. Pouco a pouco os libros van incluíndo palabras, desprazando ás imaxes ata desaparecer cando se supón que xa chegamos á madurez lectora. Entón os libros máis cultos, os máis interesantes son os que posúen máis e óptimas verbas combinadas da mellor forma posible. Chegado este momento, as ilustracións pertencen ás lecturas “non adultas”. Neste camiño todas as combinacións de imaxe e verbas son procuradas para conseguir a fin última de ler. De ler con maiúsculas.

Os cómics forman parte deste camiño. Considéranse lecturas infantís ou adolescentes de mero entretemento e diversión que teñen a utilidade de atrapar ao principiante lector para que lea sen darse conta, para conseguir o hábito lector que moitas veces é difícil de acadar. A banda deseñada considérase como arte menor que hai que ir abandonando para darlle a importancia debida ás palabras, á lectura seria.

A un parécelle que non fai falta ter que dicir que a banda deseñada é unha forma de expresión á altura de calquera outra, mais sempre aparece xente coma Arturo Pérez Reverte, que di que “xa non leo tebeos”, ou como Vicente Molina Foix, que a atila de “indicio de infantilismo expresivo” e “entretemento moi menor” (nun artigo da revista Tiempo que creou moita polémica). Esta visión sobre o cómic é algo moi estendido e poida que teña que ver co proceso de aprender a ler que se describiu antes. Porque cando se fala de lectura sempre se fala de palabras. É o que habería que cambiar, que ampliar.

Isto explícase moi ben no libro O cómic e a arte secuencial, de Will Eisner, no que se cita a Tom Wolf nun artigo de agosto de 1977: “Nos últimos cen anos, a lectura vinculouse exclusivamente á capacidade de ler e escribir. Aprender a ler significou aprender a ler palabras. Agora ben, pouco a pouco a lectura foi motivo de reconsideración. As últimas investigacións demostraron que a lectura de palabras non é máis que unha parte dunha actividade humana moito máis ampla, que inclúe o desciframento de símbolos, a integración e organización da información. A lectura, no sentido máis amplo pode considerarse unha forma de percepción. A lectura de palabras é tan só unha manifestación desa actividade, pero hai moitas outras: a lectura de debuxos, mapas, diagramas, notas musicais…”

As imaxes son representacións gráficas concibidas para parecerse aos motivos que representan. Tamén se utilizan iconas que representan conceptos, ideas, filosofías que poden ter que ver coa realidade ou poden ser símbolos recoñecidos por todos. E tamén as letras son representacións gráficas que non gardan ningunha semellanza con aquilo que representan, aínda que tamén construímos con caracteres os emoticonos que acaban tendo ollos e boca… 🙂

Este cambio de concepto sobre o que debera ser a lectura, onde é algo máis que saber distinguir as letras do alfabeto e saber combinalas en palabras coa súa debida sintaxe, é reticente a atopar o seu lugar entre o considerado como culto. Aínda que entrar nos límites da cultura excede con moito a fin deste texto e que debera ter unha análise moito máis profundo, tanto nos límites das manifestacións culturais como no seu espallamento e divulgación.

Dicía que a un parécelle que non é necesario insistir no goce de ler banda deseñada sen ter que explicar que non son lecturas só para a idade infantil, pero ese prexuízo atópase ben presente en moita xente. E neste mundo entran todas as temáticas e inquedanzas de calquera outra manifestación cultural. O único que muda é a expresión artística e formal: cada unha (texto, imaxe, cine, televisión, radio, música, teatro, danza, etc.) ten as súas características concretas e usa regras diferentes, que poden coincidir en varias destas expresións. Existen bandas deseñadas infantís, adolescentes, adultas, con historias sinxelas, complicadas, históricas, autobiográficas, cómicas, dramáticas, policiacas…, hai banda deseñada boa e tamén a hai mala, como ocorre co resto das expresións humanas.

Moitos lectores de cómics acabaron abandonando a súa afición; non porque non lle gustara, senón por non atopar títulos acorde co seu gusto ou por pensar que os debuxos xa non son propios da súa idade. Lectores de cómics que no seu tempo foron Mortadelo, Superlópez ou Carpanta (ou calquera das personaxes do mundo Bruguera), ou que puideron ler algo de superheroes americanos como Superman ou Spiderman ou Capitán América (o mundo DC é inmenso), ou que tal vez leron algo de Roberto Alcázar y Pedrín, El guerrero del antifaz ou El capitán trueno, algún puido ir polo camiño do manga, algún outro puido ler revistas como Víbora ou Cimoc onde se podían ler historias de grandes autores, calquera opción é boa dependendo do que caeu nas mans de cada un no seu momento, pero que despois foi abandonando por outras lecturas máis “serias”. Moitas persoas pasaron por este camiño, esquecendo a lectura de viñetas ata que se atoparon con esa banda deseñada que o volveu atrapar nos debuxos da arte secuencial. Títulos como Contrato con Deus, de Will Eisner, considerada a primeira novela gráfica, onde a historia se fai máis ampla e afonda nos tema dos que se fala, ou Maus, de Art Spiegelman, o único cómic que posúe o premio Pulitzer e que conta a historia dun supervivente do holocausto nazi, ou tal vez Píldoras azules onde Peeters narra a súa historia coa súa moza, que ten o virus da Sida, ou poida que descubrise un manga como o de Taniguchi onde as historias son máis adultas ou tal vez caese nas súas mans Ikigami.. Puidera ser que lle falasen de Watchmen, de Alan Moore, onde se lle dá unha volta de torca ao tema dos superheroes (quen vixía aos vixiantes?) ou tal vez algún de Frank Miller, ou que cae nas súas mans o Trazo de xiz, de Miguelanxo Prado, a obra máis recoñecida do autor galego máis internacional e considerado como autor de culto; en fin, puido ser calquera obra cun contido máis “adulto” o que fixo que volvese ler banda deseñada e comezar de novo na procura de viaxes a través da re-coñecida lectura de debuxos. É entón cando a lectura toma outra dimensión, onde se descobre a narración gráfica distinta das películas, dos libros, das ilustracións, e que combina todos os elementos para chegar a unha mensaxe máis variada.

A banda deseñada ofrece unha lectura moi rica na que se combinan distintas linguaxes e formas de expresión. Hai palabras, imaxes, onomatopeas, signos de movemento, iconas, símbolos. Todos os elementos requiren dunha lectura distinta. Poderíase dicir que se trata dunha lectura máis completa, nun sentido máis amplo. Un pode deterse nunha viñeta e ver todos os recantos, os detalles, ou pasar por riba con présa, e en ningún caso se perde o fío da historia. O lector escolle onde parar, ou pode botar unha ollada rápida á viñeta ou páxina de máis adiante, ou volver atrás sabendo sempre onde se atopa, cunha facilidade pasmosa.

A un non lle parece que lle descubra a ninguén, e menos nunha rede social sobre o libro, o gran pracer da lectura dunha boa banda deseñada. Pero, por se acaso, insistirei unha vez máis. De seguro que existe un formato que será o que máis che guste: tebeo, cómic, novela gráfica, manga, superheroes, de corte social, histórico, autobiográfico, realista, de ciencia-ficción, fantasía…

Boa lectura!

Licenza de Creative Commons Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons
___________________________________________________________

Publicado no Caderno Redelibros. ISSN 2173-1977

Comentarios desactivados en A banda deseñada, lectura (tamén) adulta

Reportaxe Miguelanxo Prado

Posted in Banda deseñada,Vídeos by miriño on the Decembro 17th, 2010
Comentarios desactivados en Reportaxe Miguelanxo Prado