Curioso Impertinente


Tiro-liro

Posted in io~NOS,Música,Pensamentos,Radio,Tradición,Vídeos by miriño on the Maio 19th, 2016

Levaba moito tempo con esta idea de versións, de rebuscar un pouquiño, de saber de onde veñen certas músicas. Neste caso é unha anécdota, unha curiosidade. Sempre pensei en facelo nun programa do io~NoS, pero aquí vai aproveitando a inmensidade do youtube.

Lembrades a Radio Topolino Orquesta?

Foi un grupo de moda nos anos oitenta. Tiña cancións de éxito como La vaca lechera, Mi casita de papel, e tamén a que imos escoitar: Tiro liro.

Na propia canción xa se di: Era el baile de moda en los cuarenta y ahora en los ochenta enrolla mucho más. E non é nada máis que a verdade. Trátase dunha versión dunha canción que popularizou a mesma Amália Rodrigues, a partir dunha canción tradicional portuguesa.

Nos anos corenta, como di a Radio Topolino Orquesta, a Orquesta Gran Casino populariza o tema en España, aínda que a cantaban en portugués (cun sotaque un pouco raro, iso si)

Como versión dun tema portugués o gravou o grupo Os Carunchos:

A versión máis recente en Galiza é do grupo Migallas.

Pero escoitemos unha versión dun grupo folclórico portugués:

E podedes buscar máis, hai versións de todo tipo:

A min, que a primeira versión que lembro é a de Radio Topolino Orquesta, non deixa de sorprenderme os camiños que poden tomar algunhas cancións, neste caso de orixe tradicional, e como se van adaptando e modificando. Para que despois veña alguén a dicir que o tradicional non cambia, non evolúe, é estático e “ten que” interpretarse dunha determinada maneira.

_______________________________________________

A miña curiosidade agora é: Chegaches a escoitar todas as versións do Tiro Liro?

Comentarios desactivados en Tiro-liro

Nuestras fiestas de allá

Posted in Música,Palcos da música,Pensamentos,Tradición,Vídeos by miriño on the Maio 15th, 2016

Descubro a través do catálogo da exposición Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, que pretende contar a cultura galega a través de 100 obxectos (máis ben sería un resumo, unha panorámica, unha síntese… pero esa é outra historia, interesante tamén), descubro, ía dicindo, o documental “Nuestras fiestas de allá”, 42 minutos mudos pero que me enchen a cabeza de ideas.

Primeiro o vídeo:

Trátase dun documental feito por José Gil no ano 1928. José Gil Gil era de Rubiós, As Neves. Primeiro pensamento: algo ten Rubiós para aparecer de forma cíclica en forma de documento histórico (e audiovisual).

Segundo pensamento: Retrata a vida no Val Miñor, Vincios, Morgadáns, Nigrán, Chaín,Gondomar, Baiona… Algo ten o Val Miñor para ter sempre tanta forza.

Terceiro pensamento: Sae o palco da música de Vincios, do que xa sabía a súa existencia, pero non vira nunca. Moito sombreiro panamá, gaiteiros, banda de música, xente bailando. É curioso o vídeo que quere retratar a vida aquí para mostrarlla aos emigrantes, e precisamente saen os emigrantes no vídeo no día de festa.

Pensamentos mesturados: Como viste a xente. Como visten os gaiteiros, como visten os músicos da banda de música. En xeral os gaiteiros van antes e a banda de música despois. Os da banda de música van uniformados, os gaiteiros saen en xeral vestindo como o resto do mundo. Habería que facer fincapé sobre a vestimenta do “gaiteiro” (como formación musical). Moitas canaveiras, moita xente cantando, moita xente tocando as palmas. Sempre me chamara a atención como se usa absolutamente todo para tocar (piñas, cacerolas, ferramentas, botellas…) e non se usan as palmas na música galega. Aquí úsanse, dunha forma moi normal, as mans. O das canaveiras veríase raro agora mesmo, non se ven, nen se escoitan. Aquí hai moita xente ao mesmo tempo tocándoas.

Como bailan. Solto e agarrado. Ás veces ao mesmo tempo. En grupos pequenos, incluso en parellas soltas. Trato de ver “quen” saca punto. Non se ve. Máis ben dá a impresión de estar bailando xuntos, sen que ninguén guíe. É pouco tempo para observar máis.

Moita presenza da igrexa. Rituais de saúdo entre santos. Moita música, sen escoitar nada.

Un movemento incrible en Gondomar. Aparece un gaiteiro de barquín, cun pandereteiro e varios homes cantando. Ao mesmo tempo que toca a gaita… e póñense a bailar.

É unha mágoa non escoitar nada, e sen embargo, as imaxes teñen unha forza inmensa precisamente por ser mudas. Son o recordo para os que viven ao outro lado do océano, que é como remata o vídeo.

Comentarios desactivados en Nuestras fiestas de allá

Alalá…s

Posted in Música,Pensamentos,Tradición,Vídeos by miriño on the Xullo 27th, 2015

O programa Alalá, da TVG, consiste en monográficos sobre músicos e grupos de música tradicional galega. Poden verse no youtube, que os están subindo aos poucos.

Aquí deixo un reproductor onde se poden ver practicamente os 70 primeiros programas.

A gozar!

Comentarios desactivados en Alalá…s

Orquestra de Jazz de Galicia

Posted in Música,Pensamentos by miriño on the Xullo 7th, 2015

Unha das pintadas que se me quedaron gravadas na cabeza é a que aparece nun espazo rehabilitado onde había un pequeno descampado e cheo de lixo. Agora é todo cemento e asfalto, e no medio e medio: e as árbores?
____________

O sábado 4 de xullo foi un día histórico en Vigo. No último día do ImaxinaSons do 2015 presentouse no auditorio do Concello a Orquestra de Jazz de Galicia.

OrquestraJazzdeGalicia

Un enorme pracer escoitar cada un dos temas, cunha perfecta mestura entre o jazz (hai moito e moi bo jazz en Galiza) e as músicas tradicionais (moito e moi bo). É a perfecta conxunción entre toda a traxectoria do saxofonista de jazz Roberto Somoza e o gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas, membro de grupos como Luvas Verdes, Vaamonde Lamas & Romero, ou Nova Galega de Danza. Unha moi boa receta de fusión para crear jazz con raíces galegas.

Non hai nada que dicir da cantidade e calidade de músicos e músicas tradicionais e/ou folk. No eido do jazz tamén hai moitos e moi bos. Na Orquestra de Jazz de Galicia ben se ve que se reúnen músicos de primeiro nivel dos que hai tamén recambio. Só hai que comparar a lista de músicos que estiveron no concerto e os que saen no Making of da gravación do disco que xa estamos agardando impacientemente:

Galicia é terra de músic@s, de todos os estilos, de todas as sensibilidades. En gran formato tamén.

Non é a primeira vez se pensa nun gran formato dende o jazz. Tampouco mesturando o jazz coas músicas tradicionais.

Alberto Conde, pianista que tamén estivo presente neste concerto, xa facía esta mestura en A lagoa dos Atlantes (1997) ou en Celtrópolis (1999).

Baldo Martínez, que tamén foi director artístico do ImaxinaSons, contrabaixista jazz inquedo onde os haxa e músico arrichado, arrimouse ás músicas tradicionais en varias ocasións, e no ano 1999 tivo o encargo do Festival Internacional de Jazz de Guimaraes para crear un ensemble arredor das músicas contemporáneas e tradicionais en clave de jazz que se materializou no Projecto Miño, que no 2007 comercializouse en cd.

A Orquesta de Música Espontánea de Galicia, O.M.E.GA, que tamén estivo no ImaxinaSons, é unha proposta moi arriscada de improvisación libre con ou sen condución. Nela hai (ou había) integrantes de músicas provenientes do jazz, clásica, electrónica, rock, electroacústica, psicodelia, folk…

Algunha iniciativa máis haberá por aí que agora se esqueza que dá a idea do inquedo do mundo musical deste país. Un pequeno repaso por todos estas iniciativas tamén mostra a interrelación de moitos dos músicos que tamén están na Orquestra de Jazz de Galicia.

Durante o concerto houbo imaxes sonoras que facían lembrar outros momentos, sen estar a vivir ningunha repetición anterior. A referencia máis directa é a do Toque de chifro de Faramontaos, o tema recollido por Alan Lomax o 27 de novembro de 1952 que foi usado por Miles Davis no disco Sketches of Spain no ano 1960. (Os dous temas se poden escoitar no programa io~NOS #01, minuto 5:00). Era difícil saírse do esquema proposto por Gil Evans e Miles Davis, pero conseguírono de forma maxistral.

Tamén houbo momentos máis rítmicos e caóticos (o entroido é caótico) que fixeron lembrar a L.U.M.E., o ensemble portugués que tamén subiu ao mesmo escenario no ImaxinaSons 7. Toda unha homenaxe ao entroido de Vilariño de Conso e o son dos seus bombos.

Na coincidencia dalgún repertorio de Nova Galega de Danza vese a influencia de Pedro Lamas e o acordeón de Xosé Lois Romero (percusionista nesta ocasión) sen que a Xota do Marreco soase nin parecida a outras veces e outros lugares.

Toda unha amalgama de sons, de capas, de ambientes, de todas estas músicas do entorno do jazz, músicas sinfónicas e tradicionais, en verbas do propio Pedro Lamas, moi ben conducidas por Roberto Somoza.

Unha lista de músicos de primeiro nivel que tamén tiveron os seus momentos de improvisación, todos e cada un deles, que se mantiveron dentro do contexto da mensaxe que nos transmitiron. Unha conexión que lograron contaxiar a un público completamente entregado e en pé ao final do concerto, cun aplauso enfervorizado que non tiña fin.

Eu sigo en pé a aplaudindo. Espero que teñan un gran percorrido e longa vida.

Quedan para outro momento a mágoa do espazo tan pequeno, a financiación da orquestra, a aposta limitada do concello no gran festival de jazz de Vigo, o prezo ridículo da entrada para tan inmenso espectáculo, o interese da xente ou a pouca publicidade destes eventos…

E só un último apontamento e unha crítica que debería doerlle no corazonciño de cada un dos músicos da Orquestra:

E as mulleres?

Berrogüetto: Historia dun fracaso

Posted in Música,Pensamentos by miriño on the Xuño 10th, 2014

“Hai que ver a cantidade de xente que acode aos enterros. Esta é a frase que escoito xusto antes de comezar o concerto de despedida de Berrogüetto.

__________________________________________________________________


Imaxe do final do concerto de Berrogüetto en Santiago de Compostela con todo o público ovacionando en pé (8-6-2014). Fotografía subida por Berrogüetto na súa páxina de facebook.

__________________________________________________________________

No concerto de despedida de Berrogüetto en Compostela o público estivo volcado co grupo incluso antes de comezar. Os aplausos sempre se converteron en ovacións. Antes de comezar produciuse a primeira, onde o grupo tivo que esperar a que o público deixara de aplaudir para comezar o concerto. Comezan e o micro de Xavier Díaz non funciona, paran de tocar para que vaia buscar outro micro e o público aplaude de novo. Aquí se resume todo o que ía acontecer durante as dúas seguintes horas. Ou mellor dito, nos últimos anos do grupo.

O concerto percorreu toda a discografía do grupo en sentido inverso, dende os últimos discos ata o primeiro, Navicularia, onde se incorporan as pandereteiras de Anubía Cantigas e Agarimos, e o primeiro violinista do grupo, Paco Juncal. Tamén é onde “desaparece” Xabier Díaz, no primeiro disco non había cantante en Berrogüetto. Tamén aparece o compañeiro de procesións de Anxo Lois nos primeiros anos de gaiteiro, e o concerto chega ao final ao momento con máis forza. E non debe ser casual, moitos pensamos que Navicularia foi o seu mellor disco, tamén o que máis forza contén, o que tira máis para saltar do asento. Berrogüetto debe ser consciente da preferencia do seu público e por iso remata como comezou. Tamén pode ser que recorran á nostalxia para darlle máis emoción ao momento. Tamén deixaron fluir moito máis a verborrea de Anxo Lois Pintos. Unha verborrea que non atura todo o mundo, pero que demostrou que só con comezar cun “Estadisticamente…” o público ría a gargalladas. Momentos de humor, de crítica, de puntos de vista diferentes, de realidade, ás veces máxica, que facían dos concertos de Berrogüetto algo máis que un momento de música. Momentos que foron recortando co paso dos anos.

Nun momento do concerto Xabier Díaz recoñécese como siareiro de Berrogüetto antes de entrar no grupo: “Sempre poderei dicir que toquei cos mellores, coa mellor banda folk do meu país”. Ovación.

E é que o pensamento que se queda instalado en moitas cabezas é ¿como é posible que un grupo como Berrogüetto se desfaga? Son os mellores, abriron moitos camiños, axitaron para sempre o panorama folk, e non conseguen continuar, por que?

Non dan as contas, non pode manterse unha infraestrutura tan grande se non hai concertos. E non os hai.

Son moitos os motivos. A crise, sempre a crise, pero estes cinco concertos esgotan todas as entradas. E os discos e as camisetas voan ao final do concerto. A crise non o explica todo. O público, ese que ateigou os auditorios na xira de despedia, non acode a concertos. E iso que nunca houbo tanta xente nas clases de danza, de gaita, de pandeireta, por que esa xente non vai aos concertos? Tal vez estean acostumados aos concertos gratis e non pagan por eles, e como as institucións agora non programan concertos, os grupos quédanse sen público. Ah, entón o problema é que as institucións non programan concertos. Pero é que estamos en crise!

Cousas que ocorren (reais, sen ánimo de comparar, nen valorar, os espectáculos):
-Uf, cinco euros por un concerto de Mamá Cabra, que caro!
-Imos ver a Cantajuego (custa 25 euros, e non leva música en directo).

Nunha revista de Tempos Novos do ano 2005 lese o seguinte: Un mar de músicas na Galicia do século XXI. Ese é o noso reclamo de portada. Real como a vida mesma. O potencial de creatividade que está detrás de grupos, de compositores, de instrumentistas e de intérpretes dá pé a pensar, esta vez tamén, Galicia como en Irlanda. (…) Irlanda soubo facer da súa música un produto cultural de calidade á vez que unha industria. (…)

E aquí é onde, ao meu criterio, se atopa o grande fracaso. Non hai industria cultural, non hai produto, tan só hai grupos que ofrecen a súa música como poden (cando poden), e hai un público que non é consciente de que a música é un ben cultural, de un público que non valora a súa propia cultura. Todo isto é mercado, industria cultural. De pouco serve organizar festivais, ou concertos, subvencionados (que ten que habelos), se non se fai nada por crear tecido cultural. Aínda moito máis grave é cando existe un referente claro como o de Irlanda. É posible que facer o mesmo que en Irlanda non tería os mesmos resultados, que aquí habería outras condicións, outras características, pero é que nin sequera se tentou copiar.

A realidade é que é moi difícil para os grupos tocar fóra de Galicia. Incluso para os grupos do norte é difícil tocar no sur de Galicia, e viceversa. Berrogüetto, que conseguiu proxección internacional, non é quen de conseguir concertos dentro e/ou fóra de Galicia, non é quen de ir tocar a outras autonomías españolas. E ao revés tampouco ocorre, que se coñece aquí da música cántabra, ou murciana, ou catalana?

É innegable a riqueza cultural, musical, creativa que vive neste país, que parece condanada a chocar cun grande muro, non sei se social, se institucional, se industrial. E que facemos? Teremos que resignarnos a que a nosa cultura sexa desenvolvida, cultivada, creada, por xentes que non poden vivir dela?

Vaise Berrogüetto. Ata sempre! Gozamos moito (e seguiremos gozando, aínda que en lata) da vosa música. De seguro que cada un de vos seguiredes noutros proxectos, interesantes, emocionantes. É unha mágoa non poder despedirse tamén de Guadi, pero estivo presente, todos o sabemos. Até já! Anxo, Quico, Quim, Santiago, Isaac, Guillerme, Xabier.

____________________________________________________________________

Publicado en GZMúsica.
____________________________________________________________________

Manifesto das marchas da dignidade #22m

Posted in #22m,Manifestos,Marchas da dignidade,Pensamentos by miriño on the Marzo 22nd, 2014

“NON AO PAGO DA DÉBEDA

NIN UN RECORTE MÁIS

FÓRA OS GOBERNOS DA TROIKA

PAN, TRABALLO E TEITO PARA TODOS E TODAS

No 2014 atopámonos ante unha situación extremadamente difícil, unha situación límite, de emerxencia social, que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora á cidadanía e aos pobos.

Millóns de traballadores e traballadoras atópanse sen emprego. Ter unhas mans para traballar, ter unha carreira rematada, dispor da túa capacidade tanto manual como intelectual e non atopar un traballo digno é humillante. Estase a desperdiciar o talento colectivo dunha sociedade, hipotecando indefinidamente o seu futuro. Os traballadores e traballadoras non se merecen este atropelo á nosa dignidade colectiva.

Centos de miles de familias perderon a súa casa. Non hai nada máis inhumano que desaloxar unha familia do seu fogar só para alimentar a voracidade insaciábel duns banqueiros sen escrúpulos. Banqueiros aos que os estados servos da Troika (Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo e Comisión Europea) alimentan a custa de empobrecer aínda máis a clase traballadora e as persoas máis indefensas.

Mentres, a patronal, aproveitando o drama do paro masivo, aperta as caravillas coa rebaixa dos salarios e das condicións de traballo ás persoas que aínda teñen un emprego. Traballadores e traballadoras que, ante a difícil situación, non poden nin sequera cuestionar o seu papel de meros explotados/as polo capital. O sistema intenta obrigarnos a amosarlles agradecemento aos empresarios, convertidos polo sistema en benefactores da sociedade. É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro.

A nosa mocidade non ten posibilidade de forxar un proxecto de vida digno coas actuais políticas e vese abocada a buscar a vida no estranxeiro como antes fixeron os nosos pais e avós.

Dicimos non a un sistema patriarcal que nos arrastra a épocas do pasado, roubándonos o dereito a decidir sobre os nosos corpos, negándonos a capacidade para decidir sobre se queremos ou non ser nais, provocando a volta aos fogares para dedicarnos á crianza.

Estamos sufrindo as políticas executadas polo goberno do PP ao ditado da Troika, consistentes no roubo de dereitos e o empobrecemento xeralizado da maioría social. Estas políticas, que se fundamentan no pago dunha débeda ilexítima que non contraeron os cidadáns e cidadás, son produto da especulación bancaria e os excesos dos distintos gobernos.

Privatizan o rendíbel mentres nos recortan o orzamento en saúde, ensino, dependencia, transportes públicos, auga, enerxía, comunicacións, servizos sociais, etc., o que redunda negativamente nos nosos dereitos cidadáns. Rinse dos nosos maiores, que sofren unha enorme perda do seu poder adquisitivo, ao tempo que ven como os seus aforros de toda a vida están secuestrados pola estafa bancaria das preferentes e outros produtos financeiros delituosos.

O goberno do PSOE, co apoio do PP, modificou o artigo 135 da Constitución para lle dar prioridade ao pago da débeda frente aos dereitos e necesidades das persoas. Xustificárono dicindo que viviramos por riba das nosas posibilidades e que había que ser austeros e, xa que logo, era imperativo recortar o déficit. No entanto, non houbo ningún recorte á hora de inxectar decenas de miles de millóns de euros para salvar os bancos e os especuladores.

Están aproveitando a crise para recortar dereitos. Estas políticas de recortes están a causar sufrimento, pobreza, fame e incluso mortes, e todo para que a banca e os poderes económicos sigan tendo grandes beneficios a expensas das nosas vidas.

Porque nos roubaron a liberdade. Ao capitalismo sóbranlle as liberdades e os dereitos da maioría social. É un sistema que procura exclusivamente o beneficio privado duns poucos e que nos leva inexorabelmente a unha catástrofe medioambiental e social de alcance incalculábel.

Para a maioría social esta crise-estafa está a significar un xigantesco drama humano. Porén, para unha insignificante minoría supón un gran negocio. E cando se protesta, sempre obtemos a mesma resposta: a represión e criminalización do sindicalismo de clase e dos movementos sociais. É un sistema que precisa a represión para se manter e que debe ser superado coa loita na rúa.

A descomposición do réxime xurdido da Constitución do 78 faise evidente debido aos mesmos elementos presentes no seu nacemento, rexime que tivo lugar en contra do pobo, está corroído pola corrupción e non ten ningunha lexitimidade. Os dereitos e liberdades fóronnos roubados para favorecer os intereses dunha minoría e asegurar os seus beneficios, os mesmos que nos levaron a este estado de excepción social, a base de desmantelar a educación e a sanidade públicas, de reducir drasticamente as pensións dos nosos maiores, de se apoderar das nosas vivendas e de pechar empresas, e despedir milleiros de traballadoras e traballadores.

Os distintos Gobernos sitúanse fóra da legalidade, converten en negocio os dereitos que tanto custou conquistar e sustentan a corrupción, un feito xeralizado mais non independente do sistema económico, que forma parte da estrutura mesma desta sociedade e é indispensábel para o seu desenvolvemento. Tanto os corruptores como os que se deixan corromper forman parte deste sistema inxusto de produción e distribución da riqueza.

Chamamos os pobos a que exerzan a súa soberanía, alzando a súa voz de abaixo arriba, democraticamente, para construír un proceso constituínte que garanta realmente as liberdades democráticas, o dereito a decidir e os dereitos fundamentais das persoas.

Dende a MARCHA DA DIGNIDADE 22M, consideramos que é importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a xustiza social.

Unha mobilización contra o pago da débeda, polo emprego digno, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de homes e mulleres libres, unha mobilización contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agreden e non nos representan.

Esiximos, xa que logo, que se vaian. Que se vaia o Goberno do PP e, tamén, todos os gobernos que recortan dereitos sociais básicos, todos os gobernos que colaboran coas políticas da Troika.

Por iso, facemos un chamamento a encher de dignidade e rebeldía a capital do Estado español, Madrid, o 22 de marzo. Ese día chegaremos columnas de todas as latitudes da Península a Madrid e convocamos os madrileños e madrileñas a sairen á rúa e incorporarse a esa gran mobilización da maioría social.

PAN, TRABALLO E TEITO

Á RÚA, QUE XA É HORA”

Comentarios desactivados en Manifesto das marchas da dignidade #22m

Proxectos para colaborar

Posted in Libros,Música,Pensamentos,Tradición by miriño on the Xaneiro 31st, 2014

Aquí van dous proxectos ben interesantes:

Comentarios desactivados en Proxectos para colaborar

Manifesto Nunca Máis

Posted in Manifestos,Nunca Máis,Pensamentos by miriño on the Novembro 15th, 2013

Amigas e amigos do País de Nunca Máis:

Moitas grazas por asistirdes hoxe a unha convocatoria de concentración obrigada polas circunstancias.

Despois de coñecer a sentenza do “Prestige” cómpre dicir, máis unha vez, que o noso país segue á deriva, sen institutcións que o defendan, sen máis goberno de seu que a propia sociedade galega que se autoorganiza para erguer a bandeira da indignación e da dignidade colectiva deste pobo, igual que hai once anos nos autoorganizamos para recoller coas nosas propias mans o chapapote que a irresponsabilidade política dos gobernos do Partido Popular foi estendendo polo mar adiante, ao longo das nosas praias e das nosas rías.

Se grande foi hai 11 anos a nosa indignación diante da xestión política da catástrofe do “Prestige”, moito máis grande é aínda agora a nosa indignación e a nosa carraxe perante unha sentenza que deixa impunes aos responsábeis políticos do maior delito ecolóxico dos últimos tempos. Non pode ser que as autoridades que tomaron a decisión de ir co barco dun lado para outro, estendendo o chapapote e a morte polas augas todas, queden agora totalmente impunes. Onde está a Xustiza? Que maneira é esta de facer xustiza? ou é que en pleno século XXI só nos queda a xustiza pola man á que se refería Rosalía nos seus versos? Non será que o aparato da xustiza segue no século XIX, ao servizo do poder e dos poderosos, comos nos tempos de Rosalía?

Mais hoxe, igual que hai 11 anos, non ficaremos calados. Galiza non ficará calada nunca máis. Nin o estivo daquela, cando o sinistro do buque, nin o estará agora, diantes desta decepcionante sentenza. Nunca Máis somos todas e todos nós, o pobo galego en pé. Nunca Máis é a reacción natural dunha sociedade que se autoorganiza fronte aos gobernos que nos desgobernan e fronte á xustiza que deixa na impunidade total un delito que causou unha profunda dor nos nosos corazóns, unha gravísima destrución medioambiental e unhas perdas económicas de máis de 4000 millóns de euros. Nunca Máis é o único berro de xustiza no medio de tanta inxustiza.

Estamos fartos e fartas de mareas negras, de gobernos que gobernan en negro, de sentenzas onde nunca brilla a brancura da xustiza, de autoridades e institucións que desprezan a nosa intelixencia, a nosa dignidade, o noso combate contra os que non aman nin queren unha patri libre, onde poidamos traballar sen emigrar, vivrmos do noso mar, da nosa terra e dos nosos sectores produtivos.

Só nos faltaba que ademais da fame que está a levar a moitas persoas aos comedores sociais, aos bancos de alimentos e mesmo aos contenedores do lixo, agora teñamos tamén fame de xustiza.

Precisamos outra xustiza, unha xustiza en clave de páis, que nos libere dos que nos desgobernan, dos que contaminan o noso mar e as nosas rías, dos que todo o cubren de marea negra, de alcatrán, de morte e de miseria.

Anunciamos aquí que volveremos ás rúas e ás prazas, ao País de Nunca Máis, á mobilización. É o pobo galego, non o aparello de xustiza do Estado español, quen si condea aos responsábeis políticos, a aqueles que nos mentiron, que nos enganaron, que se aproveitaron de nós, aqueles que volverían facer o mesmo de se repetiren circunstancias similares. Nós condeámolos. Non por vinganza, senón por xustiza. Ninguén nos vai poder pagar nunca o dano que nos fixeron, o sofrimento que padecimos, mais tampouco ninguén nos vai poder roubar nunca a imensa dignidade que para sempre vai ficar gravada na retina da memoria colectiva do pobo galego.

Fomos ficando sós, o Mar o barco e máis nós(…) E ficamos nós sós, como di o canto de Manuel Antonio, nós sós para gobernarmos o noso mar, a nosa terra, a nosa patria, o noso presente e o noso porvir, nós sós para que Galiza deixe de ser nación sen Estado de seu, para que se cumpra xustiza e nunca máis o mar que tanta vida ten e nos entrega volva ser esa enorme marea negra que nos fire de inmensa dor o corazón.

Non esquecemos!
Non á impunidade!
Mareas negras nunca máis!

Comentarios desactivados en Manifesto Nunca Máis

Recuperando a tradición: O Apalpador

Posted in Pensamentos,Tradición,Vídeos by miriño on the Decembro 24th, 2012

A Gentalha do Pichel preséntannos un vídeo resumo sobre o seu traballo durante tres anos na procura do personaxe do Apalpador. Moi interesante!!!!

Eleccións á Xunta de Galicia 21 outubro 2012

Posted in Eleccións,Pensamentos by miriño on the Setembro 5th, 2012

Xa están aquí!

O 21 de outubro hai eleccións á Xunta de Galicia.

Irei descartando partidos ata dar co que se leve o meu voto.

De momento deixo unha lista de twitter cos partidos e principais personaxes para ver que van dicindo. Se falta algún só tedes que dicirmo!


Comentarios desactivados en Eleccións á Xunta de Galicia 21 outubro 2012

Gdeim Izik – O campamento da Resistencia Saharaui

Posted in Pensamentos,Vídeos by miriño on the Xullo 28th, 2012

Impresionante e imprescindible documento sobre Gdeim Izik, o campamento da resistencia Saharaui, o inicio da primavera Árabe.

Comentarios desactivados en Gdeim Izik – O campamento da Resistencia Saharaui

Baixa da SGAE

Posted in Pensamentos by miriño on the Xullo 16th, 2012

Máis dun ano despois de comezar coa idea de darme de baixa da SGAE, podo dicir que xa non socio desta sociedade.

Chamei para dicir que me quería dar de baixa, pero ata que se cumprira un múltiplo de tres dende que me fixera socio non se levou á asamblea para ratificar a miña baixa. Isto sucedeu e recibín esta carta:

Agora comezarei a rexistrar as miñas (poucas) obras en www.safecreative.org, moi seguramente con licenza CC, e irei compartindo abertamente a través deste mesmo blog e/ou outros lugares.

Comentarios desactivados en Baixa da SGAE

Así foi a Sentada Lectora

Posted in Espazo Lectura,Manifestos,Pensamentos,Sentada Lectora,Vídeos by miriño on the Maio 4th, 2012

O sábado 21 de abril anunciouse o acto da Sentada Lectora. O audio aparece neste vídeo xa con imaxes do día 22 de abril de todas as actividades: Migallas, lectura colectiva en silencio, manifesto, Cantares do Brión.

Isto é o que foi a Sentada Lectora (máis ou menos):

Comentarios desactivados en Así foi a Sentada Lectora

Manifesto a favor da lectura

Posted in Espazo Lectura,Manifestos,Pensamentos,Sentada Lectora,Vídeos by miriño on the Abril 25th, 2012

Aquí está o manifesto a favor da lectura de Espazo Lectura que se leu na Sentada Lectora por Araceli Gonda e Paula Carballeira.

MANIFESTO A FAVOR DA LECTURA

Se hai algo difícil de definir é a experiencia da lectura. Hai tantas lecturas como soños, como ilusións, como vidas, como persoas, como futuros. Ler é conquistar a oportunidade de vivir moitas veces máis das que unha persoa é capaz. Pero, ademais, a lectura é un motor agachado e secreto para chegar moito máis alá. Un motor contra o desánimo, contra a imposición, contra a necidade, contra o descoñecemento, contra a discriminación, contra a tiranía, contra o abuso, contra a inxustiza, contra a ignorancia, contra a indefensión, contra o desalento. A lectura constrúenos como persoas. A lectura é esperanza. É futuro.

Mañá celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro. Por iso, hoxe, en Gondomar, lendo para medrar, queremos anticiparnos a esa cada vez máis necesaria celebración para imprimirlle un novo espírito. Queremos unirnos na rebelión da lectura.

Vivimos tempos de crise. Tempos de desacougo.

Precisamente por iso debemos ser conscientes, máis conscientes ca nunca de que onde hai libros hai esperanza, porque onde libros hai futuro.

Aquí, en Gondomar, para nós o centro do mundo, sentados cun libro nas mans, poñemos en valor este acto humilde e poderoso que é a lectura, e queremos facer nosa, desde a voz da cidadanía, a máis importante das rebelións: a rebelión da lectura.

Precisamente nestes tempos de crise, cando é máis visible ca nunca que o mundo está gobernado por un diminuto grupo de persoas opulentas e cobizosas que atesouran a maior parte da riqueza, nós reivindicamos outro tipo de riqueza, máis humana, máis xenerosa, máis creativa, moito máis poderosa e moito máis confortable: a que nos dá a lectura.

A lectura é un referente de benestar social.

Precisamente por iso debemos defender o papel da lectura como imprescindible para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e ocio das persoas; indispensable para construír o futuro, indispensable para recuperar a esperanza, indispensable para erguer un porvir presidido pola razón e a dignidade.

Precisamente por iso, hoxe queremos protagonizar a rebelión da lectura. Porque hoxe, a lectura, é máis necesaria ca nunca. Porque hoxe, a da lectura, é unha rebelión imprescindible. A Lei do Libro e a Lectura aprobada polo Parlamento de Galicia e a Ley del Libro aprobada polo Parlamento español establecen que a lectura e o seu fomento deben ser elementos centrais e transversais de todas as accións de goberno, por entender que contribúe decisivamente ao desenvolvemento social, económico, industrial e cultural das sociedades.

Precisamente por iso, neste tempo global de recortes, desde a voz cidadá queremos deixar constancia de que os recursos elementais para o fomento e o hábito da lectura están compostos de vontade, de atención, de imaxinación, de entrega e de boa disposición. E non estamos dispostos a que ningún deses recursos nos sexa escatimado.

Para nós, a lectura ten a palabra. E o valor da palabra é o que nos fai persoas, o que nos distingue dos outros seres vivos. Por iso, nós, cidadás e cidadáns de a pé, reivindicamos a rebelión da lectura.

Proclamamos o seu carácter festivo, o noso dereito ao seu acceso xeralizado inalienable, o seu papel motor, o seu valor subversivo.

A lectura moldea sociedades libres, sociedades críticas, sociedades soñadoras, sociedades renovadoras, sociedades atentas, sociedades capaces, sociedades emprendedoras, sociedades avanzadas.

Precisamente por iso, nun momento coma este, como cidadás e cidadáns, queremos facer nosa a palabra, queremos facer nosa a lectura, e reunímonos para poñela en valor, para encomiala, para saudala, para enxalzala, para reivindicala, para dignificala, para reclamala.

Precisamos reiniciar o mundo, resetealo. E só é posible facelo desde a palabra. Só é posible facelo desde a lectura.

A lectura ten o poder arrebatador das meigas e das treboadas. O feitizo da lúa chea. Fainos brincar, fainos gozar, fainos bailar, fainos bicar praias descoñecidas, fainos acariñar golfiños, fainos voar, fainos chorar, fainos cuspir, fainos viaxar, fainos comprender, fainos sentir, fai que nos emocionemos.

Si, a lectura ten o poder arrebatador das meigas e o feitizo dunha noite de luada. Por iso, para a cidadanía galega, a reivindicación da lectura debe ir acompañada do desenvolvemento social e cultural da nosa lingua, debe ir abeirada nesa ollada milenaria que se nos transmitiu, de xeración en xeración, desde Martín Códax e Afonso X o Sabio, coma un tesouro de valor incalculable. A lectura tamén serve para coñecernos e recoñecernos. Para saber quen somos e de onde vimos.

Hoxe, as novas tecnoloxías están a poñer en valor a lectura. Vivimos nunha sociedade notoriamente dixital, que transforma os hábitos de acceso á información e que fai da lectura unha ferramenta estratéxica. A lectura na actualidade é máis imprescindible ca nunca. Unha sociedade só poderá ser avanzada se é lectora.

A lectura é educación, é formación, é traballo, é investigación, é colaboración, é socialización, é solidariedade, é porvir. A lectura é un motor social para prosperar.

Unha sociedade lectora é unha sociedade capaz. Precisamente por iso non temos dúbidas: onde hai libros, hai futuro. Esta é a nosa revolución. A revolución da cidadanía.

Únete á rebelión da lectura.

Comentarios desactivados en Manifesto a favor da lectura

Sentada Lectora – Espazo Lectura

Posted in Espazo Lectura,Manifestos,Pensamentos,Sentada Lectora by miriño on the Abril 17th, 2012

Convocatoria de Espazo Lectura para a Sentada Lectora de Gondomar (domingo 22 de abril de 2012, Alameda de Gondomar, 12 horas).

Únete á rebelión da lectura! Colle un libro e ven a Gondomar o domingo 22 de abril para reivindicar a lectura.

Comentarios desactivados en Sentada Lectora – Espazo Lectura

Matemáticas

Posted in Pensamentos,Vídeos by miriño on the Abril 13th, 2012

Medo ás matemáticas?

Non, oh…

Comentarios desactivados en Matemáticas

El mal del cerebro. Parte III

Posted in Pensamentos,Vídeos by miriño on the Marzo 27th, 2012

E chegou a terceira parte do documental El mal del cerebro. Coma sempre, moi interesante e impactante.

Comentarios desactivados en El mal del cerebro. Parte III

Medievalario

Posted in Fran Zabaleta,Libros,Pensamentos,Redelibros by miriño on the Marzo 7th, 2012

Coñecín a Fran Zabaleta case de casualidade e nese mesmo instante faloume de Redelibros. Lioume para escribir un par de artigos e despois ofrecínme para ler o seu libro, Medievalario, antes de saír á venta.

É obvio que chego tarde. O libro xa está a venta e eu aínda non lin o libro (Se estás lendo este texto é porque xa o lin, claro, que chouchería).

Escribo isto para ir lendo o libro.

Cheguei tarde para a opción de ler o libro en papel, que agora penso que xa o tería lido, aínda que tampouco o podo asegurar. Entón recibín un arquivo .pdf, pensando ademais que me serviría para probar iso da lectura electrónica dun libro.

Comecei por tentar lelo no teléfono móbil, mais quedou claro que non é un formato moi cómodo, máis que nada polo seu tamaño. Así que idea desbotada.

Agora volvo ao principio para tentar lelo no ordenador. Como xa é tarde para lelo antes de que saíse publicado, non teño présa. Mais vou tentar ir lendo un pouco cada día, ou cada dous, e ir escribindo aquí as miñas impresións. Isto pode parecer unha crítica acompasada, pero está bastante lonxe do meu propósito. Escribirei só as miñas impresións de lector, de simple lector, que non é outra cousa que a máis sinxela das realidades.

Actualización: Lectura no móbil desbotada. Lectura no ordenador pouco operativa porque hai moitas distracións cun só click do rato. Coméntollo a Fran e dime que para ler no móbil, mellor o formato .epub que permite adaptar o tamaño de letra sen ter que andar a mover a pantalla para ler as frases completas. Tan só se pasa de páxina. Un novo intento de sincronizar o ordenador co móbil para trasladar os arquivos .epub que remato por conseguir (e acabo por pensar o parvo que son ao non darme conta do fácil que era). É a cuarta vez que comezo o libro. E agora si. A lectura vai collendo camiño…

De correctione rusticorum

Xa tiña o primeiro capítulo atragantado de tantas veces como comezara. O meu lío cos formatos dixitais inflúe na lectura, pero tamén que o vocabulario, o tema, e a forma de expresión fai que non enganche co texto. Nin a historia, nin a relixión, nin a forma pomposa de “falar” é das miñas preferidas, e vou lendo un pouco accidentado e tropezando coa historia que non acabo de atrapar (ou ela a min). Dúas historias se van contando mesturadas. E aínda que se intúe que están interrelacionadas, non acabo de ver nin entender. Ata que comeza a acción, ata que comezan a ocorrer cousas. Unha persecución, un momento de perigo, un asasinato e un desvaimento lévanos ata unha aldea onde se vai moldeando a personalidade do personaxe. Aí a lectura dunha das historias colle as rendas e vai facendo que a outra acompañe como se do viño se tratase.

Un santo que non o é tanto, un pensamento nobre, un idealismo teolóxico e tamén carnal, un pobo que vive en harmonía sendo fillos de Deus, no que todos se tratan de igual a igual nunha sociedade sen clases. O recén chegado non acaba de entender porque vén dunha sociedade na que hai que ir subindo peldaños para ir facéndose unha posición de respeto e poder. E é precisamente dende esa posición de poder mal entendido que abusa do que el considera unha persoa inferior. Non pode entender que poida pensar doutra maneira distinta a el, un “guerreiro” da relixión co poder da sabiduría.

As dúas historias acaban mesturándose de tal forma que todo colle sentido e fai que unha máis unha sexan máis ca dúas.

O mellor do primeiro capítulo é a grande metáfora de como se conta a historia e de como é a realidade, de como o poder, a relixión, e a visión oficial acaba por amoldar unha conduta que se establece como “a boa” que leva agochada unha maldade intrínseca. Nesta historia de santos e monxes resúmese a infame historia da poderosa relixión imperante.

Comeza ben o libro. E máis aínda cando non é unha temática que non se atopa entre as miñas preferencias.

El bando perdedor

Historia contada pouco a pouco. Agradécese que nesta época de todo rápido, a toda velocidade, haxa alguén que se pare a contarche un conto co seu tempo, co tempo preciso para que os pensamentos dos personaxes poidan formarse de verdade.

Un xa está preparado para o que lle ven enriba co título escollido do bando perdedor, xa se sabe que o protagonista se atopa sempre no lado dos perdedores, un antiheroe que sorprende polos seus éxitos. Un perdedor con moi boas dotes para gañar.

O que máis me gustou deste capítulo foi como se narra a realidade do mundo das cabalerías, a miseria do tempo no que o pobo se atopaba asoballado precisamente polos que tiñan que defendelos, axudalos… (vamos, como agora…)

Pero sempre haberá un Lopo, un cabaleiro ao seu pesar, unha ollada romántica, unha visión das inxustizas, un querer arranxalas, e unha barreira insuperable que acaba por sufrir a inxustiza que quere combatir.

Gustoume esa mestura de impaciencia por querer saber que vai pasar, ese gusto polas batallas, ese pararse nas lembranzas, a dualidade entre gozar coa lectura e a presa porque se produza a acción. Ler para apurar a lectura, que non da pasado, e deixarse sorprender polas voltas e revoltas da historia.

Unha dualidade entre pasado e presente que tamén aparece en De correctione rusticorum e que parece que vai ser a forma que se dea en todo o libro… xa veremos…

El husmo de la tierra

A historia de Roi e a súa conexión coa natureza en contraposición coa violencia e incompresión humana é trepidante. Un relato moi áxil e que te leva no ar en todo momento.

“Un neno tan guapo non pode se outra cousa que a personificación do demo”

Roi case non fala. Non entende o comportamento das persoas, pero si dos animais. Sabe como compartir a comida, como rematar un combate antes de que alguén saia perxudicado, entende os movementos e os ruídos dos paxaros… E é defendido polos cans cando corre perigo… e sabe cando as cousas non van ben coa inquedanza do seu amigo Neno, o corvo.

Trátase da parte máis baixa da sociedade, afastado incluso polos que son da súa clase. O rexeitado dos rexeitados. É por iso que un se pon da súa parte inmediatamente, porque só sofre a inxustiza máis encarnizada. Dá igual o que faga, pode matar a un home, está xustificado. Dá igual que morran inocentes no seu lugar, Roi hai tempo que pagou os seus pecados.

Gostei moito deste relato. Ata agora no que máis gocei, o que máis me gustou. Moito ritmo, moi ben contado, querendo sempre saber máis da historia. Tal vez o que se conte de señores, cabaleiros, curas e obispos sexa algo alleo a min, mais a historia de Roi e os que só poden vivir como llo dictan os que mandan, aí si que comeza a tocarme nalgún punto.

Non houbo dualidade pasado-presente, senón só presente. Un presente de loita pola vida.

Con los fierros

Morre El-Rei e todo son preocupacións. Que se non hai cura, que se non pode ser outra cousa que está morrendo. Morre El-Rei e só queres que morra. Que morra dunha vez. Como se che dese pena que tarde en morrer. Ten un a sensación de que se morre xa non haberá outro rei. E aí aparece o xoglar para que non todo sexan personaxes decadentes.

Relato pequeno que se me pasa entre os pensamentos do anterior. El-Rei non é quen de facer que esqueza a Roi. E paréceme ben.

E aquí remata o libro.

Non é verdade, hai unhas pequenas aclaracións, unhas históricas, outras narrativas, outras de ficción. Notas que se agradecen, fan que todo se entenda mellor, ben porque se pasaron pola lectura, ás veces rápida, ás veces incosciente, ou ben por ignorancia.

Unha lectura rápida e lenta, moi lenta polo propio soporte do libro, a pequena pantalla dun móbil.

Aínda que agora funlle collendo o gusto… Terei que aproveitar e comezar outro antes de que se me pase…

Comentarios desactivados en Medievalario

Palco da música de Navia

Posted in Palcos da música,Pensamentos by miriño on the Marzo 6th, 2012

Procuro facer sempre unhas preguntas sobre o palco ao que lle fago unhas fotos. No caso do palco de Bouzas falei un anaco con dúas señoras. Despois déronme indicacións doutros palcos: En Alcabre había un, pero tirárono para facer “aqueles” edificios. Onde tamén hai un, ou había, é en Navia, non na zona dos edificios grades, se non no Navia de sempre.

Pois alá fun.

O palco está nesta foto. Védelo?

Din unha volta por Navia. Sorprendeume a igrexa nova. Tamén me soprendeu o ambiente tan rural, tan de pobo. Cheiraba a mar, mais non se vía. Paseo pola alameda, un lugar idóneo para un palco. Busco e rebusco nese lugar, o máis normal é que estivese aquí. Hai sitio de sobra.

Como non está vou en busca del ao lado da igrexa. Ás veces están no lugar da festa. Non o topo.

Vou entón tomar un café ao centro social. Pido o café con leite e vouno bebendo aos poucos, mentras falan do congrio que toparon na praia, de como deshabilitar non sei que opción do móbil… Antes de pagar pregunto se había algún palco da música por alí perto. Non dubida un instante: Había un na alameda, pero tirárono.

Quédome un pouco frío, pero aínda me da por preguntar canto tempo hai que o tiraron e por qué.

Comezan a falar as cinco ou seis persoas que hai no bar. Pois pode que 15 anos. Eu levo 18 anos aquí e xa non o coñecín. Si, pode ser que ande arredor dos vinte anos. E por que o tiraron? Porque si. Estaba desfeito ou algo? E se así fose esas cousas restáuranse, pero… é unha mágoa, porque era ben bonito.

Pago, despídome e voume. E voume fastidiado, case diría que cabreado. É habitual que os palcos acaben noutro lugar, ou simplemente que desaparezan, porque “estorben”, porque queiran aproveitar o espazo para outra cousa. Pero neste caso foi porque si, porque se lle meteu a algún nos cornos que o palco non podía estar alí.

E aí está a alameda, un lugar ben bonito, ideal para un palco da música, un lugar onde poder organizar múltiples actos culturais. Pero…

Ou sexa, tirárono. Porque si!

El mal del cerebro. Parte II

Posted in Pensamentos,Vídeos by miriño on the Febreiro 5th, 2012

Cun chisco de retraso poño aquí a segunda parte do documental El mal del cerebro: En busca de la memoria.

Comentarios desactivados en El mal del cerebro. Parte II
Páxina seguinte »