Curioso Impertinente


Nuestras fiestas de allá

Posted in Música,Palcos da música,Pensamentos,Tradición,Vídeos by miriño on the Maio 15th, 2016

Descubro a través do catálogo da exposición Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, que pretende contar a cultura galega a través de 100 obxectos (máis ben sería un resumo, unha panorámica, unha síntese… pero esa é outra historia, interesante tamén), descubro, ía dicindo, o documental “Nuestras fiestas de allá”, 42 minutos mudos pero que me enchen a cabeza de ideas.

Primeiro o vídeo:

Trátase dun documental feito por José Gil no ano 1928. José Gil Gil era de Rubiós, As Neves. Primeiro pensamento: algo ten Rubiós para aparecer de forma cíclica en forma de documento histórico (e audiovisual).

Segundo pensamento: Retrata a vida no Val Miñor, Vincios, Morgadáns, Nigrán, Chaín,Gondomar, Baiona… Algo ten o Val Miñor para ter sempre tanta forza.

Terceiro pensamento: Sae o palco da música de Vincios, do que xa sabía a súa existencia, pero non vira nunca. Moito sombreiro panamá, gaiteiros, banda de música, xente bailando. É curioso o vídeo que quere retratar a vida aquí para mostrarlla aos emigrantes, e precisamente saen os emigrantes no vídeo no día de festa.

Pensamentos mesturados: Como viste a xente. Como visten os gaiteiros, como visten os músicos da banda de música. En xeral os gaiteiros van antes e a banda de música despois. Os da banda de música van uniformados, os gaiteiros saen en xeral vestindo como o resto do mundo. Habería que facer fincapé sobre a vestimenta do “gaiteiro” (como formación musical). Moitas canaveiras, moita xente cantando, moita xente tocando as palmas. Sempre me chamara a atención como se usa absolutamente todo para tocar (piñas, cacerolas, ferramentas, botellas…) e non se usan as palmas na música galega. Aquí úsanse, dunha forma moi normal, as mans. O das canaveiras veríase raro agora mesmo, non se ven, nen se escoitan. Aquí hai moita xente ao mesmo tempo tocándoas.

Como bailan. Solto e agarrado. Ás veces ao mesmo tempo. En grupos pequenos, incluso en parellas soltas. Trato de ver “quen” saca punto. Non se ve. Máis ben dá a impresión de estar bailando xuntos, sen que ninguén guíe. É pouco tempo para observar máis.

Moita presenza da igrexa. Rituais de saúdo entre santos. Moita música, sen escoitar nada.

Un movemento incrible en Gondomar. Aparece un gaiteiro de barquín, cun pandereteiro e varios homes cantando. Ao mesmo tempo que toca a gaita… e póñense a bailar.

É unha mágoa non escoitar nada, e sen embargo, as imaxes teñen unha forza inmensa precisamente por ser mudas. Son o recordo para os que viven ao outro lado do océano, que é como remata o vídeo.

Comentarios desactivados en Nuestras fiestas de allá

O proxecto Palcos da Música acada os cen elementos catalogados

Posted in Palcos da música by miriño on the Decembro 12th, 2015

O proxecto Palcos da Música acada os cen elementos catalogados

A iniciativa é totalmente voluntaria e está aberta ás achegas do público

7 de decembro de 2015.- Logo de cinco anos de traballo, o proxecto Palcos da Música acaba de chegar aos 100 palcos recompilados en Galicia. Este traballo é unha tentativa de carácter participativo e voluntario que procura catalogar os palcos, saber onde están, en que estado se atopan e darlles visibilidade.

Cada un destes elementos inclúe fotografías, descrición, xeolocalización e mesmo datos históricos que poden ser consultados no blog do proxecto http://palcosdamusica.blogaliza.gal. A iniciativa naceu da man do arquitecto Xosé Ceferino Castro e mais do músico Félix Rodríguez, que indican que “chegados a este punto, o traballo de recompilación tennos proporcionado material suficiente como para estar realizando tamén artigos, colaboración na redacción de documentos para a conservación e proxectos de revitalización e dinamización de palcos da música”. Os autores amplían desta maneira o obxectivo inicial de catalogación e como xa apuntaran ao comezo do proxecto, propoñen que “o ideal sería dinamizar e usar os palcos, mantelos en bo estado, facer deles un espazo cultural activo”.

Aínda que poucas e tímidas, en Galicia existen algunhas iniciativas culturais onde os palcos funcionan como soporte. En Ourense organizáronse as Mañás no Palco, nalgúns lugares segue a usarse o día da festa para o concerto da banda de música, e houbo algunhas propostas que non chegaron a realizarse, como A Música aos Palcos, que unía música e danza nun mesmo espectáculo. En Portugal o interese polos “coretos” é grande e as iniciativas variadas, dende programar concertos ata propolos como espazos wi-fi.

O avance do proxecto de Palcos da Música vese dificultado pola localización dos palcos que aínda restan na xeografía galega, polo que os promotores da iniciativa chaman á colaboración do público, que pode facer as súas achegas no correo palcosdamusica@gmail.com. Xa son varios os voluntarios que axudan aportando fotografías, datos ou localizacións dos palcos.

Comentarios desactivados en O proxecto Palcos da Música acada os cen elementos catalogados

Palcos da música

Posted in Palcos da música by miriño on the Agosto 14th, 2015

Irán aparecendo aquí todas as fotos xerais dos palcos da música de Galiza.

Se queres enviarnos algún palco que non aparece aquí, faino ao correo palcosdamusica@gmail.com

Comentarios desactivados en Palcos da música

Fotos de Palcos

Posted in Palcos da música by miriño on the Abril 30th, 2012

Na procura dos palcos da música, tamén aparecen fotos que se van deixando noutros lugares do universo de internet.

Aquí pódense ver as que vou marcando como favoritas no flickr.

E xa postos, aquí pódense ver as que se atopan en Palcos da Música:

Comentarios desactivados en Fotos de Palcos

Mañás no palco

Posted in Música,Palcos da música,Vídeos by miriño on the Marzo 6th, 2012

Para compensar o cabreo anterior, aquí deixo o vídeo da iniciativa Mañás no palco, na alameda de Ourense.

Comentarios desactivados en Mañás no palco

Palco da música de Navia

Posted in Palcos da música,Pensamentos by miriño on the Marzo 6th, 2012

Procuro facer sempre unhas preguntas sobre o palco ao que lle fago unhas fotos. No caso do palco de Bouzas falei un anaco con dúas señoras. Despois déronme indicacións doutros palcos: En Alcabre había un, pero tirárono para facer “aqueles” edificios. Onde tamén hai un, ou había, é en Navia, non na zona dos edificios grades, se non no Navia de sempre.

Pois alá fun.

O palco está nesta foto. Védelo?

Din unha volta por Navia. Sorprendeume a igrexa nova. Tamén me soprendeu o ambiente tan rural, tan de pobo. Cheiraba a mar, mais non se vía. Paseo pola alameda, un lugar idóneo para un palco. Busco e rebusco nese lugar, o máis normal é que estivese aquí. Hai sitio de sobra.

Como non está vou en busca del ao lado da igrexa. Ás veces están no lugar da festa. Non o topo.

Vou entón tomar un café ao centro social. Pido o café con leite e vouno bebendo aos poucos, mentras falan do congrio que toparon na praia, de como deshabilitar non sei que opción do móbil… Antes de pagar pregunto se había algún palco da música por alí perto. Non dubida un instante: Había un na alameda, pero tirárono.

Quédome un pouco frío, pero aínda me da por preguntar canto tempo hai que o tiraron e por qué.

Comezan a falar as cinco ou seis persoas que hai no bar. Pois pode que 15 anos. Eu levo 18 anos aquí e xa non o coñecín. Si, pode ser que ande arredor dos vinte anos. E por que o tiraron? Porque si. Estaba desfeito ou algo? E se así fose esas cousas restáuranse, pero… é unha mágoa, porque era ben bonito.

Pago, despídome e voume. E voume fastidiado, case diría que cabreado. É habitual que os palcos acaben noutro lugar, ou simplemente que desaparezan, porque “estorben”, porque queiran aproveitar o espazo para outra cousa. Pero neste caso foi porque si, porque se lle meteu a algún nos cornos que o palco non podía estar alí.

E aí está a alameda, un lugar ben bonito, ideal para un palco da música, un lugar onde poder organizar múltiples actos culturais. Pero…

Ou sexa, tirárono. Porque si!

Templetes ou Kioscos

Posted in Palcos da música by miriño on the Febreiro 5th, 2011

Para información de http://palcosdamusica.blogaliza.org

Templetes o Kioscos

Comentarios desactivados en Templetes ou Kioscos