Curioso Impertinente


Nuestras fiestas de allá

Posted in Música,Palcos da música,Pensamentos,Tradición,Vídeos by miriño on the Maio 15th, 2016

Descubro a través do catálogo da exposición Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, que pretende contar a cultura galega a través de 100 obxectos (máis ben sería un resumo, unha panorámica, unha síntese… pero esa é outra historia, interesante tamén), descubro, ía dicindo, o documental “Nuestras fiestas de allá”, 42 minutos mudos pero que me enchen a cabeza de ideas.

Primeiro o vídeo:

Trátase dun documental feito por José Gil no ano 1928. José Gil Gil era de Rubiós, As Neves. Primeiro pensamento: algo ten Rubiós para aparecer de forma cíclica en forma de documento histórico (e audiovisual).

Segundo pensamento: Retrata a vida no Val Miñor, Vincios, Morgadáns, Nigrán, Chaín,Gondomar, Baiona… Algo ten o Val Miñor para ter sempre tanta forza.

Terceiro pensamento: Sae o palco da música de Vincios, do que xa sabía a súa existencia, pero non vira nunca. Moito sombreiro panamá, gaiteiros, banda de música, xente bailando. É curioso o vídeo que quere retratar a vida aquí para mostrarlla aos emigrantes, e precisamente saen os emigrantes no vídeo no día de festa.

Pensamentos mesturados: Como viste a xente. Como visten os gaiteiros, como visten os músicos da banda de música. En xeral os gaiteiros van antes e a banda de música despois. Os da banda de música van uniformados, os gaiteiros saen en xeral vestindo como o resto do mundo. Habería que facer fincapé sobre a vestimenta do “gaiteiro” (como formación musical). Moitas canaveiras, moita xente cantando, moita xente tocando as palmas. Sempre me chamara a atención como se usa absolutamente todo para tocar (piñas, cacerolas, ferramentas, botellas…) e non se usan as palmas na música galega. Aquí úsanse, dunha forma moi normal, as mans. O das canaveiras veríase raro agora mesmo, non se ven, nen se escoitan. Aquí hai moita xente ao mesmo tempo tocándoas.

Como bailan. Solto e agarrado. Ás veces ao mesmo tempo. En grupos pequenos, incluso en parellas soltas. Trato de ver “quen” saca punto. Non se ve. Máis ben dá a impresión de estar bailando xuntos, sen que ninguén guíe. É pouco tempo para observar máis.

Moita presenza da igrexa. Rituais de saúdo entre santos. Moita música, sen escoitar nada.

Un movemento incrible en Gondomar. Aparece un gaiteiro de barquín, cun pandereteiro e varios homes cantando. Ao mesmo tempo que toca a gaita… e póñense a bailar.

É unha mágoa non escoitar nada, e sen embargo, as imaxes teñen unha forza inmensa precisamente por ser mudas. Son o recordo para os que viven ao outro lado do océano, que é como remata o vídeo.

Comentarios desactivados en Nuestras fiestas de allá
Parse error: syntax error, unexpected ''); ?>

' (T_CONSTANT_ENCAPSED_STRING) in /var/www/bloga/wpmu/wp-content/themes/aalglatt-11/comments.php on line 17