Curioso Impertinente


O proxecto Palcos da Música acada os cen elementos catalogados

Posted in Palcos da música by miriño on the Decembro 12th, 2015

O proxecto Palcos da Música acada os cen elementos catalogados

A iniciativa é totalmente voluntaria e está aberta ás achegas do público

7 de decembro de 2015.- Logo de cinco anos de traballo, o proxecto Palcos da Música acaba de chegar aos 100 palcos recompilados en Galicia. Este traballo é unha tentativa de carácter participativo e voluntario que procura catalogar os palcos, saber onde están, en que estado se atopan e darlles visibilidade.

Cada un destes elementos inclúe fotografías, descrición, xeolocalización e mesmo datos históricos que poden ser consultados no blog do proxecto http://palcosdamusica.blogaliza.gal. A iniciativa naceu da man do arquitecto Xosé Ceferino Castro e mais do músico Félix Rodríguez, que indican que “chegados a este punto, o traballo de recompilación tennos proporcionado material suficiente como para estar realizando tamén artigos, colaboración na redacción de documentos para a conservación e proxectos de revitalización e dinamización de palcos da música”. Os autores amplían desta maneira o obxectivo inicial de catalogación e como xa apuntaran ao comezo do proxecto, propoñen que “o ideal sería dinamizar e usar os palcos, mantelos en bo estado, facer deles un espazo cultural activo”.

Aínda que poucas e tímidas, en Galicia existen algunhas iniciativas culturais onde os palcos funcionan como soporte. En Ourense organizáronse as Mañás no Palco, nalgúns lugares segue a usarse o día da festa para o concerto da banda de música, e houbo algunhas propostas que non chegaron a realizarse, como A Música aos Palcos, que unía música e danza nun mesmo espectáculo. En Portugal o interese polos “coretos” é grande e as iniciativas variadas, dende programar concertos ata propolos como espazos wi-fi.

O avance do proxecto de Palcos da Música vese dificultado pola localización dos palcos que aínda restan na xeografía galega, polo que os promotores da iniciativa chaman á colaboración do público, que pode facer as súas achegas no correo palcosdamusica@gmail.com. Xa son varios os voluntarios que axudan aportando fotografías, datos ou localizacións dos palcos.

Comentarios desactivados en O proxecto Palcos da Música acada os cen elementos catalogados
Parse error: syntax error, unexpected ''); ?>

' (T_CONSTANT_ENCAPSED_STRING) in /var/www/bloga/wpmu/wp-content/themes/aalglatt-11/comments.php on line 17