Curioso Impertinente


Orquestra de Jazz de Galicia

Posted in Música,Pensamentos by miriño on the Xullo 7th, 2015

Unha das pintadas que se me quedaron gravadas na cabeza é a que aparece nun espazo rehabilitado onde había un pequeno descampado e cheo de lixo. Agora é todo cemento e asfalto, e no medio e medio: e as árbores?
____________

O sábado 4 de xullo foi un día histórico en Vigo. No último día do ImaxinaSons do 2015 presentouse no auditorio do Concello a Orquestra de Jazz de Galicia.

OrquestraJazzdeGalicia

Un enorme pracer escoitar cada un dos temas, cunha perfecta mestura entre o jazz (hai moito e moi bo jazz en Galiza) e as músicas tradicionais (moito e moi bo). É a perfecta conxunción entre toda a traxectoria do saxofonista de jazz Roberto Somoza e o gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas, membro de grupos como Luvas Verdes, Vaamonde Lamas & Romero, ou Nova Galega de Danza. Unha moi boa receta de fusión para crear jazz con raíces galegas.

Non hai nada que dicir da cantidade e calidade de músicos e músicas tradicionais e/ou folk. No eido do jazz tamén hai moitos e moi bos. Na Orquestra de Jazz de Galicia ben se ve que se reúnen músicos de primeiro nivel dos que hai tamén recambio. Só hai que comparar a lista de músicos que estiveron no concerto e os que saen no Making of da gravación do disco que xa estamos agardando impacientemente:

Galicia é terra de músic@s, de todos os estilos, de todas as sensibilidades. En gran formato tamén.

Non é a primeira vez se pensa nun gran formato dende o jazz. Tampouco mesturando o jazz coas músicas tradicionais.

Alberto Conde, pianista que tamén estivo presente neste concerto, xa facía esta mestura en A lagoa dos Atlantes (1997) ou en Celtrópolis (1999).

Baldo Martínez, que tamén foi director artístico do ImaxinaSons, contrabaixista jazz inquedo onde os haxa e músico arrichado, arrimouse ás músicas tradicionais en varias ocasións, e no ano 1999 tivo o encargo do Festival Internacional de Jazz de Guimaraes para crear un ensemble arredor das músicas contemporáneas e tradicionais en clave de jazz que se materializou no Projecto Miño, que no 2007 comercializouse en cd.

A Orquesta de Música Espontánea de Galicia, O.M.E.GA, que tamén estivo no ImaxinaSons, é unha proposta moi arriscada de improvisación libre con ou sen condución. Nela hai (ou había) integrantes de músicas provenientes do jazz, clásica, electrónica, rock, electroacústica, psicodelia, folk…

Algunha iniciativa máis haberá por aí que agora se esqueza que dá a idea do inquedo do mundo musical deste país. Un pequeno repaso por todos estas iniciativas tamén mostra a interrelación de moitos dos músicos que tamén están na Orquestra de Jazz de Galicia.

Durante o concerto houbo imaxes sonoras que facían lembrar outros momentos, sen estar a vivir ningunha repetición anterior. A referencia máis directa é a do Toque de chifro de Faramontaos, o tema recollido por Alan Lomax o 27 de novembro de 1952 que foi usado por Miles Davis no disco Sketches of Spain no ano 1960. (Os dous temas se poden escoitar no programa io~NOS #01, minuto 5:00). Era difícil saírse do esquema proposto por Gil Evans e Miles Davis, pero conseguírono de forma maxistral.

Tamén houbo momentos máis rítmicos e caóticos (o entroido é caótico) que fixeron lembrar a L.U.M.E., o ensemble portugués que tamén subiu ao mesmo escenario no ImaxinaSons 7. Toda unha homenaxe ao entroido de Vilariño de Conso e o son dos seus bombos.

Na coincidencia dalgún repertorio de Nova Galega de Danza vese a influencia de Pedro Lamas e o acordeón de Xosé Lois Romero (percusionista nesta ocasión) sen que a Xota do Marreco soase nin parecida a outras veces e outros lugares.

Toda unha amalgama de sons, de capas, de ambientes, de todas estas músicas do entorno do jazz, músicas sinfónicas e tradicionais, en verbas do propio Pedro Lamas, moi ben conducidas por Roberto Somoza.

Unha lista de músicos de primeiro nivel que tamén tiveron os seus momentos de improvisación, todos e cada un deles, que se mantiveron dentro do contexto da mensaxe que nos transmitiron. Unha conexión que lograron contaxiar a un público completamente entregado e en pé ao final do concerto, cun aplauso enfervorizado que non tiña fin.

Eu sigo en pé a aplaudindo. Espero que teñan un gran percorrido e longa vida.

Quedan para outro momento a mágoa do espazo tan pequeno, a financiación da orquestra, a aposta limitada do concello no gran festival de jazz de Vigo, o prezo ridículo da entrada para tan inmenso espectáculo, o interese da xente ou a pouca publicidade destes eventos…

E só un último apontamento e unha crítica que debería doerlle no corazonciño de cada un dos músicos da Orquestra:

E as mulleres?

Parse error: syntax error, unexpected ''); ?>

' (T_CONSTANT_ENCAPSED_STRING) in /var/www/bloga/wpmu/wp-content/themes/aalglatt-11/comments.php on line 17